«A literatura está en nós: todos temos unha historia que contar»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

12 nov 2012 . Actualizado a las 12:28 h.

A historia paralela dunha parella que secuestra aos seus propios fillos da tutela dos servizos sociais e dunha camioneira nunha encrucillada laboral e persoal valeulle a Fran Alonso (Vigo, 1963) o Premio de Novela por Entregas de La Voz. A punta de pistola aparece agora como libro na colección Fóra de xogo de Xerais.

-¿Como foi para vostede como autor ver o seu libro, capítulo a capítulo, no xornal?

-Vivino como algo moi novidoso. Estiven moi expectante por ver como era recibido, como o lía a xente. A primeira metade do mes estiven fóra, pero si estiven pendente, sobre todo dos comentarios dos lectores, aos que chegaba a través de Twitter e que foron toda unha experiencia.

-Dalgunha forma, tamén pechaba un círculo, porque foi no xornal onde atopou a inspiración para a historia.

-Efectivamente, lina no xornal. Foi unha historia que me sorprendeu e xa daquela escribira un artigo sobre o tema. Pero estiven uns anos reflexionando sobre o feito do inverosímil que parecía que uns pais se levasen aos seus fillos a punta de pistola: aí había material literario, aínda que non estaba seguro de que o fose a escribir. Pero ao final volvín sobre a historia e engadinlle a trama paralela protagonizada pola camioneira, que para min tamén era pechar outro círculo, coa miña primeira novela, Tráiler.

-Unha historia tiña ritmo de «thriller», mentres que a outra era máis pausada, introspectiva. ¿Buscaba un equilibrio?

-Si, unha exercía de contrapunto da outra. Por un lado, uns capítulos cun ritmo brutal, frenético e, por outro, un ton reflexivo, no que a protagonista afrontaba os seus problemas persoais e empregaba as novas tecnoloxías, importantes para ela no desenvolvemento do seu negocio, ou como o blog no que relataba o seu día a día como camioneira. Creo que é importante que a literatura recolla estas realidades, que teña a capacidade de interpretalas.

-Ademais dese contrapunto, está o das personaxes femininas. Rica está atrapada nunha calella sen saída, pero Camila sae adiante nun mundo con escasa presenza de mulleres.

-Si, é certo. Rica representa a desestruturación social e ademais é unha muller que está sometida ao mandato do seu home, que é moi machista e ten controlada a súa vontade, aínda que ela é cínica e se rebela, pero só de xeito verbal. Camila ten unha formación académica e intelectual, pero se desenvolve ben nun eido laboral cunha gran tradición patriarcal. Aí interesábame tamén facer referencia á figura histórica de Celia Rivas, a primeira camioneira. E, por certo, lin blogs e vin videoblogs de mulleres camioneiras.

-Habitualmente os lectores poñemos cara aos personaxes no noso maxín, pero os seus levan os trazos das ilustracións de Abraldes.

-Comentámolo polo Facebook e explicoume que as pintara ao óleo, o que creo que lle imprimiu un carácter aínda máis persoal.

-Cada capítulo do seu libro compartiu espazo cos relatos que enviaron os lectores. ¿Que lle pareceu esa convivencia entre un autor do seu traxecto e as arelas dos afeccionados?

-Pareceume fantástico. Había textos moi interesantes e resulta abraiante ver as ganas que a xente ten de contar. Á xente apetécelle escribir. Todos levamos a literatura dentro de nós, un novelista, todos temos unha historia que contar, compartir as nosas narracións e gozar co xeito de contar. Para min tamén foi moi optimista porque demostra que o futuro da literatura galega está garantido.