«Cando un autor escribe, polo seu cuarto pasa o meridiano cero»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN /LA VOZ

CULTURA

Oscar Vazquez

«O rastro que deixamos» recolle os seus textos sobre a creación literaria

19 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) vén de gañar o Premio da Crítica Galicia 2012, na categoría de Creación literaria, coa súa novela Fantasmas de luz. E, aínda que certamente é máis coñecido por esta fértil traxectoria como narrador, tamén ten cultivado o ensaio, especialmente no eido da pedagoxía. Agora, O rastro que deixamos (Xerais) reúne, en edición de Isabel Soto, un monllo de pezas soltas, dende colaboracións con medios, intervencións en congresos ou discursos, que xiran sobre dous eixos básicos: as reflexións sobre a escrita e a recreación memorialística sobre a experiencia iniciática da infancia.

-Tanto vostede como Manuel Rivas tecen as súas últimas obras arredor da memoria persoal.

-Si, aínda que son libros distintos, xa que o del ten vontade de novela. Creo que inflúe a idade, aínda que Rivas é máis novo, pero chega un momento da vida no que, sen deixar de mirar para adiante, volves atrás. Inflúe ademais que o tempo se acelerou moitísimo: na infancia dun amigo meu tiñan luz de carburo e agora o fillo é enxeñeiro informático. E inflúe tamén, e a Rivas pásalle igual, que escribimos cos fíos da vida. A nosa vida sempre está por debaixo do que escribimos, só que nestes libros queda ao descuberto.

-Tan importante como o que lembramos é o que escollemos non lembrar. Vostede cita ao seu mestre Don Félix, pero omite piadosamente o nome doutros.

-No libro influíu moito a procedencia dos textos, cuxa orixe obedece polo xeral a un estímulo externo. Non se trataba de facer un exercicio memorialístico detallado. E un tende a salientar as lembranzas positivas. Por exemplo, os labores comunais: para os cativos a malla era unha festa, pero miña nai lembrábao como un traballo tremendo.

-Cita outros mestres seus, neste caso literarios: Rodari, Valente, Ende...

-Rodari e Valente foron moi importantes para min. No caso de Valente sentía que era quen de expresar coa voz poética cousas que eu sentía pero que non sabía como dicilas. E Rodari foi fundamental na miña concepción da escola, no estímulo da creatividade e expresión libre dos alumnos, así como no da literatura infantil e xuvenil, que me axudou a superar prexuízos iniciais e ver que se podían escribir libros bonitos, progresistas, corrosivos, para rapaces.

-Ademais da infancia, no libro sublíñase a importancia da lingua e a centralidade do escritor no mundo que crea.

-Creo niso firmemente. Na creación existe unha liberdade absoluta que fai que cando un autor está a escribir polo seu cuarto pasa o meridiano cero, dá igual onde se atope. Logo están as dificultades sociolóxicas para que iso teña difusión, como as que ten a cultura galega.

-No seu caso, ademais de moitos lectores e recoñecementos, como este Premio da Crítica, tamén están as traducións.

-Home, non me queixo, aínda que moitas veces esas cousas son froito do azar. Pero temos un problema fundamental, que é que a vontade de proxección internacional da cultura galega non existe. En cambio, nos últimos dous anos lin sete novelas de autores islandeses, un país de 300.000 habitantes.

-Destaca a importancia dos tebeos na súa infancia; lería con interese a versión de «Cartas de inverno» en novela gráfica de Antonio Seijas.

-Si, foron importantes e si que a lin con interese. Fixo un traballo bo do que estou satisfeito.

agustín fernández paz escritor, premio da crítica 2012