A fundación tamén celebrará este ano o centenario do nacemento de Fernández del Riego
04 ene 2013 . Actualizado a las 11:25 h.María Dolores Villanueva, Carmen Pérez Pais, Manuel Puga, Silvestre Gómez Xurxo, Xavier Martínez Covas e Andrés Dapena veñen de incorporarse ao padroado da Fundación Penzol na súa última xuntanza. A renovación de persoas coincide co comezo do ano no que a Fundación Penzol celebrará o 50 aniversario da súa constitución así como o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego, quen foi o seu primeiro director durante 47 anos.
Ao longo do ano, a institución galeguista desenvolverá unha serie de actividades que tentarán xunguir ambas celebracións. Haberá actos institucionais e tamén publicacións, como a edición dun número da revista Grial. O edificio que acolleu a primeira sede da Fundación Penzol, na rúa viguesa de Policarpo Sanz, lucirá unha placa conmemorativa. Chegando ao mes de maio, cando coincidirá o medio século exacto da inauguración da fundación, terá lugar un acto central.
Homenaxe a Don Paco
Por outra banda, o Concello de Lourenzá homenaxeará o vindeiro 7 de xaneiro a Francisco Fernández del Riego, fillo predilecto do municipio desde o ano 2001, con motivo do centenario do seu nacemento. Os actos comezarán o luns cunha misa de homenaxe na igrexa de Santa María de Valdeflores, para continuar cunha ofrenda floral perante o busto de Fernández del Riego.
Ao termino deste acto, proxectarase no salón de actos da casa consistorial un documental sobre o intelectual galeguista, que leva por título Pegadas na memoria, editado pola Televisión de Galicia.