Galaxia, a Fundación Penzol e o Concello de Vigo editan un libro sobre o galeguista
10 ene 2013 . Actualizado a las 21:56 h.«Se teño que resumir o carácter fundamental de Del Riego tería que dicir que era un home de fe, de fe creadora», dixo Xosé Luis Grande Franco. Foi unha das intervencións que tiveron lugar, na Casa Galega da Cultura, durante a presentación do libro «Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia», promovido pola Fundación Penzol e a Editorial Galaxia, e patrocinado polo Concello de Vigo. É un dos actos conmemorativos do centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010). E nela, alén dunha sucinta biografía do intelectual galeguista, recóllense unha serie de colaboracións de persoas viguesas ou relacionadas dalgún xeito coa cidade e co personaxe, que abordan facetas salientables do homenaxeado dende o ámbito público ao máis familiar ou da amizade. A xeito de colofón, a publicación remata cunha escolma de textos do propio Francisco Fernández del Riego, que teñen como tema común a cidade de Vigo.
No acto participaron Alfonso Zulueta de Haz, presidente da Fundación Penzol; Xosé Luis Franco Grande, que realizou unha semblanza biográfica do homenaxeado; Malores Villanueva, que xunto a María Dolores Cabrera, coordinaron a edición do libro; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero Álvarez.