Patricia Blanco gaña o certame de Galaxia sobre a obra «O principiño»

R. G. A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Os internautas debían responder cun tuit por que lles gustaba o libro

08 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«O principiño, que me facía moitas preguntas, semellaba que nunca oía as miñas. Foron palabras pronunciadas ao chou as que me revelaron o segredo pouco a pouco». O mesmo que o protagonista da obra de Saint-Exupéry, desde Galaxia tamén preguntaron, esta vez aos internautas, por que lles gustaba o libro. A resposta debía ser un tuit. Chegaron «algo máis de duascentas propostas que fixeron ben difícil a escolla», din desde Galaxia. E o xurado «achou que os traballos de Patricia Blanco, pola súa variedade, carga poética e relación con O principiño eran os merecentes claros do premio», indicaron desde a editorial. O tuit enviado pola xornalista de La Voz de Galicia dicía «#gustameoprincipiñopor porque mo imaxino así conversando coa súa flor», adxuntando unha imaxe na que a autora está de costas diante dunha flor. Patricia Blanco di que «é o mellor premio», xa que o galardón consiste nun exemplar do libro de Saint-Exupéry en capa dura e outro de todas e cada unha das obras de Carlos Casares, o tradutor de O principiño ao galego en 1972, cando o publicou Galaxia.