O Consello da Cultura nega «interferencias» na Academia

La Voz CAMILO FRANCO, LUÍS POUSA / SANTIAGO, A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

A AELG e o Centro Pen Galicia piden que Ferrín siga á fronte da RAG

28 feb 2013 . Actualizado a las 10:10 h.

A resaca da dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín á fronte da Real Academia Galega deu lugar a un xogo de cartas. O Consello da Cultura Galega desmentiu que practique «interferencias» noutras institucións culturais, referíndose sen citala a RAG, mentres que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) reclamou a continuidade de Ferrín como presidente desa institución. O Centro Pen de Galicia sumouse a esta última petición.

Como punto de partida, a comisión executiva do Consello lembrou nun escrito que fronte «ás informacións aparecidas nestes días nos medios de comunicación» -referíndose ás declaracións a La Voz do secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, sen citalo- asegura o Consello que «as insinuacións sobre posibles interferencias ou intromisións desta institución no traballo doutras e, concretamente, da Real Academia Galega son totalmente infundadas». Sinala tamén que o Consello está formado por representantes doutras institucións, incluída a RAG. Na polémica sobre o decreto de plurilingüísmo que a Academia denunciou, o Consello sinala que se pronunciou «por dúas veces, en datas recentes, sobre a situación da lingua galega, nunha proposta institucional e nun ditame sobre o decreto de plurilingüísmo». Engade a comisión executiva do Consello da Cultura que os informes redactados con este argumento son públicos.

Para completar, o Consello fai un chamamento público «a favor da actuación responsable, no ámbito das súas competencias, das institucións da cultura galega». A executiva «considera imprescindible manter liñas de colaboración e de respecto mutuo».

Continuidade de Ferrín

Pola súa banda, a Asociación de Escritores pediu a continuidade de Méndez Ferrín na presidencia de Academia e que non abandone a institución como membro numerario. O texto insta a Ferrín «e a todos os académicos e académicas a pensar no papel histórico que ten a Academia e que ten que seguir a desenvolver». Desde este colectivo valoran a marcha de Ferrín como «un empobrecemento na necesaria pluralidade da RAG». Tamén piden que os problemas da Academia sexan resoltos dentro dela. Consideran que a RAG debe ser «lugar de confluencia e símbolo público de prestixio social e cultural». En semellantes termos expresouse onte Luís González Tosar, presidente do Centro Pen Galicia, entidade que desde 1989 vén propoñendo á Academia Sueca a candidatura de Méndez Ferrín ao Nobel de Literatura. González Tosar amosou tamén a súa «profunda tristeza «pola situación na que está o seu «amigo e profesor».

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, tamén lamentou a marcha de Ferrín: «É unha mágoa que unha persoa tan cualificada desde o punto de vista da cultura, e un dos mellores poetas que temos, abandone a Academia sen acabar o seu mandato. Méndez Ferrín é unha das persoas de gran valía deste país, e este país non se pode permitir o luxo de prescindir desta persoa».