Benquerido e admirado Manolo:
Sigo na prensa, con atención e preocupación, a barafunda de textos e comunicacións que está a suscitar a dimisión de Méndez Ferrín, que era o presidente de todos nós, pois por todos (nemine discrepante) foi votado no seu día. Seguiu sendo o noso presidente -de todos nós- durante tres anos, e sería bo que o fose ata que finalice a lexislatura. Eu, tamén desde aquí, rógollo. Os seus tres anos, no esencial, foron un período brillante na biografía da Academia. Cando, hai poucos días, nun plenario da institución, varios académicos formularon algunhas observacións á Executiva, ninguén, ata onde alcanzo (eu non estaba neses intres), cuestionou o labor cultural da Academia, nin a súa actitude reivindicativa ante os «recortes» legais inferidos ao idioma, nin tampouco a espléndida e eficaz apertura da nosa institución á sociedade. Esta trepia (labor, actitude, apertura) débense, en non pequena medida, ao criterio do presidente e ás súas actividades, actividades nas que sería inxusto non sinalar e subliñar o traballo, os esforzos e os centos e centos de horas (gratis et amore) do secretario Xosé Luís Axeitos, vello e moi querido amigo meu, que, cunhas declaracións desafortunadas, desconcertounos a todos. Aínda así, na súa entrevista (como nas elípticas explicacións do plenario) chegouse á conclusión de que a executiva cometeu un lapsus na xestión administrativa, lapsus que, sen deixar de selo, foi corrixido decontado. Ese episodio, coñecido desde hai algún tempo e mencionado nas redes sociais, foi denunciado profusamente durante varios días por un periódico madrileño, denuncia na que os redactores dese xornal non republicano se asañaron cunha biografía cívica exemplar, exemplar, ás veces, en circunstancias moi duras. Existindo a árbore, a árbore, a nós, non nos debe impedir ver o bosque. Non foi esta a intención do periódico madrileño. Eu non sei se Méndez Ferrín vai rectificar ou non no próximo plenario. Eu pedireille que continúe, tamén polo ben da Academia, xa ferida desde este affaire que o equipo directivo tiña que ter impedido se, dun xeito natural, ofrecese, intramuros da institución, explicacións que chegaron un pouco tarde. Se Méndez Ferrín ratifica a súa dimisión, o que sería moi grave para a Academia, sería catastrófico para a nosa institución (e para Galicia) que determinados académicos dimitisen tamén.
Diríxome a ti, benquerido Manolo, porque, dentro das declaracións lidas por min, fuches ti, entre os académicos, o primeiro en manifestar ou suxerir que, se dimitise o presidente, ti tamén o farías. Logo, é certo, lin declaracións máis ou menos semellantes doutros académicos. Se así for, cal sería a nosa situación, a situación moral dos poucos ou moitos académicos dispostos a resistir, a evitar que a Academia desapareza? Eu parto, benquerido Manolo, da premisa de que, no seo da institución, non hai ningunha conspiración de dereitas contra ninguén, e case estou convencido de que, nas actuais circunstancias, ninguén aspira a ser presidente. Eu, que teño moitos anos (camiño dos 85) non vou dimitir da Academia de Murguía, de Antón Vilar Ponte, de Castelao, de Otero Pedrayo?: da institución, creada hai 107 anos, que ten, como misión oficial e fundamental, a de estudar e definir o corpo e a alma dos signos dese código de comunicación e expresión que chamamos lingua galega. Ese código, herdo sagro gardado, examinado e agarimado pola Academia, ten na nosa institución a única instancia de apelación á que deben acudir, mesmo as persoas máis doutas, en canta cuestión teña relación coa norma culta do idioma.
Se ti, Manolo, dimites, e, contigo, outros numerarios, parte da sociedade pode pensar que os que se aferran ao seu seu escano constitúen un grupo de académicos menos puros e non alleos a unha confabulación política destinada a cuestionar a cadeira presidencial. ¿Quen, no futuro, ocuparía as vosas vacantes para conviviren con colegas tan pouco «dignos»? ¿Teriamos nós forza moral suficiente para chamar a outras voces ao seo da nosa institución? Se a Academia se fractura, é pensable que, no río revolto posterior, xurdisen iniciativas de homes e mulleres de Letras dispostos e dispostas a substituíren a centenaria institución por unha entidade, de nome semellante, que representase a concepción filolóxica dos lusistas, a de Galicia bilingüe ou calquera outra, como a dos humboldtianos ácratas. Podería ser unha desfeita para a institución, é dicir, para a causa da lingua galega.
Son dos que creo que, despois do presente affaire, a nosa institución terá que esforzarse, durante tempo, para recuperar o predicamento de que gozaba na sociedade galega, mercé, en non pequena medida, ao traballo de Méndez Ferrín e Xosé L. Axeitos. Isto, no mellor dos supostos: que non dimita Méndez Ferrín. Non debería facelo, pola Academia e por el mesmo, aínda que tal decisión supuxese dedicar parte do próximo plenario á dilucidación de determinados temas admnistrativos.
Graciñas, Manolo, e -parafraseando a Goran Bjorkman- vivat et floreat Academia!