O filólogo liderará unha lista na que figuran Rosario Álvarez Blanco e Andrés Torres Queiruga
26 mar 2013 . Actualizado a las 19:11 h.O profesor Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) vén de remitir un correo electrónico a todos os membros da Real Academia Galega no que anuncia que presenta a súa candidatura a presidir a RAG.
Alonso Montero liderará unha lista na que figuran o teólogo Andrés Torres Queiruga e a filóloga Rosario Álvarez Blanco, exdirectora do Instituto da Lingua Galega e que de ser resultar elixida esta candidatura dirixiría a secretaría da RAG.
Na súa proposta aos acádemicos, Alonso Montero recalca a súa intención de colaborar coas outras institucións culturais galegas e na necesidade de profundizar na modernización da Academia que se iniciou cos mandatos de Del Riego, Barreiro e Ferrín.
No correo electrónico que remitiu este mediodía aos membros da RAG, o profesor Alonso Montero avanza as liñas básicas do seu proxecto, entre as que subliña a necesidade de restaurar as feridas abertas pola dimisión de Méndez Ferrín e reforzar o papel do plenario: «De portas a dentro, cómpre instaurar un clima de diálogo, lealdade e cooperación entre todos nós, que debe fundarse no respecto mutuo e na participación de todos os académicos na toma de decisións. Isto esixe que o Plenario exerza completamente as súas funcións como órgano soberano da Academia».
Tamén incide o filólogo en abrir a Academia á sociedade galega. «É imprescindible dunha banda que a Academia xogue o seu papel simbólico como referente maior da nosa lingua e cultura, papel que debe exercer con exemplaridade no seu funcionamento, e doutra banda, que saiba ofrecer as orientacións, os recursos e os apoios que lle son propios tanto a outras institucións coma ao conxunto da comunidade lingüística e cultural que estamos obrigados a servir», apunta.
Xesús Alonso Montero é filólogo e historiador da literatura galega. Colaborador de La Voz de Galicia, é catedrático emérito da Universidade de Vigo e a súa ampla bibliografía está centrada na lingua, a historia e a literatura galegas.
Duas candidaturas
A proposta de Alonso Montero súmase á candidatura á presidencia xa anunciada o pasado venres polo actual tesoureiro en funcións da Academia, Manuel González, que encabezará unha lista na que xa está confirmada a presenza dos filólogos Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira.