Achado un libro inédito do poeta romántico Aurelio Aguirre

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

<span lang= gl >Manuscrito</span>. Un artigo do profesor Ramón Torrado levou a Alvarellos ata o libro. A edición crítica será de Olivia Rodríguez-Tudela e o volume contará tamén coa colaboración do filólogo Xurxo Martínez.
Manuscrito. Un artigo do profesor Ramón Torrado levou a Alvarellos ata o libro. A edición crítica será de Olivia Rodríguez-Tudela e o volume contará tamén coa colaboración do filólogo Xurxo Martínez.

Alvarellos editará a obra, que inclúe unha versión do «Brindis» de Conxo

23 abr 2013 . Actualizado a las 11:39 h.

A editorial Alvarellos publicará un libro con poemas inéditos de Aurelio Aguirre Galarraga (Santiago, 1833-A Coruña, 1858) que o propio editor, Henrique Alvarellos, localizou entre os fondos do Museo de Pontevedra no Arquivo da Deputación. Trátase de Recuerdos de agosto, un título que fai referencia ao verán que o escritor pasou en Vigo en 1856 despois da súa participación no polémico Banquete de Conxo o 2 de marzo dese ano. A obra, manuscrita mais encadernada en pel, contén unha versión distinta do Brindis de Aguirre en Conxo, ademais de entre 15 e 20 poemas inéditos, xunto con outros do libro Poesías selectas.

Alvarellos ten previsto publicar a obra na Colección Rescate, para o que xestiona unha cofinanciación institucional. «Trátase dun gran achado cultural, non só polos inéditos e as distintas versións doutros poemas, senón pola relación que mantiña Aguirre con Rosalía, Pondal e outros autores do Rexurdimento», valora Alvarellos.

A edición crítica de Recuerdos de agosto correrá a cargo da profesora Olivia Rodríguez-Tudela, quen subliña a nova perspectiva que os inéditos deitan sobre a obra xa publicada de Aguirre. «Teñen unha maior espontaneidade e naturalidade», explica. O achado tamén achegará nova información do contexto literario, o Romanticismo galego que se expresaba en español, no que Aguirre seguía o ronsel de Espronceda. «Murguía falaba del como unha gran promesa da literatura en Galicia e creo que paga a pena recuperalo porque non era un poeta menor. A literatura galega estaba formándose e el, como Pondal daquela, escribía en español. Quizais estaría no panteón de ilustres de non morrer tan novo», opina Rodríguez-Tudela, que se inclina máis pola teoría do accidente que a do suicidio para explicar a súa morte na coruñesa praia de San Amaro. Hoxe mesmo faría 180 anos.