Xosé Manuel Fernández Castro: «O aniversario de "Cantares" está restando protagonismo a Bolaño»
CULTURA
O primeiro estudoso en profundidade da obra de Vidal Bolaño foi Xosé Manuel Fernández Castro. O seu libro A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño segue sendo o referente fundamental para un achegamento á carreira do escritor. Ademais é o editor das Obras completas.
-Desde que publicou o libro sobre RVB, ¿que cousas cre que cambiaron sobre a interpretación que se fai da súa obra?
-Aínda que o meu libro saíu á luz como tal en novembro de 2011, a investigación que sintetiza é de 2007. Durante os cinco anos que pasaron ata a decisión académica, Vidal Bolaño permaneceu esquecido: non se reeditou, fixéronse moi poucas montaxes a partir dos seus textos e o interese editorial pola reflexión en torno ao autor foi moi pouco. Vidal Bolaño sufriu en termos xerais algo que poderiamos cualificar de silenciamento. No mellor dos casos repetíronse os argumentos e lecturas do volume de TrisTram de 2002 coordinado por Carme Becerra e Vilariño Picos, coa excepción do número dobre da Revista Galega de Teatro, que recuperou moitos datos para a nosa historiografía literaria. A publicación do meu libro tampouco conseguiu incidir sobre a crítica para cambiar esa tendencia. Coido, non obstante, que si axudou a facer visible no ambiente académico a extraordinaria contribución á nosa cultura de Vidal Bolaño e que iso axudou á creación dun ambiente para a homenaxe do Día das Letras.
-¿Como están incidindo estas celebracións?
-Son un potentísimo foco cenital sobre un autor literario que non era considerado como tal; a etiqueta de home de teatro, incluso máis cualificado de teatreiro que de teatrista, ocultaba a dimensión do seu proxecto literario.
-¿Que argumentos están pasando desapercibidos?
-Creo que a coincidencia co aniversario dos 150 anos Cantares gallegos, de Rosalía, está restando protagonismo ao dramaturgo compostelán. E somos moitos os que tememos que non sexa algo fortuíto, senón un mecanismo para prolongar o desexo de manter no ostracismo unha obra incómoda.