Roberto Vidal Bolaño: O retorno do clásico ao CDG

CULTURA

As estreas teatrais protagonizan a programación da Xunta para o Día das Letras Galegas do 2013, na que destacan as producións do Centro Dramático Galego

17 may 2013 . Actualizado a las 12:41 h.

A designación pola Real Academia Galega de Roberto Vidal Bolaño como autor do Día das Letras Galegas pode convertelo no primeiro clásico contemporáneo da escena galega. Vidal Bolaño nas táboas e o epígrafe baixo o que se reúne a programación que a Xunta de Galicia lle dedica este ano ao autor, na que se inclúen máis de 100 representacións teatrais (entre produción propia, coprodución e teatro universitario) que levarán a obra do dramaturgo ás principais vilas e cidades de Galicia.

No que vai de ano, a carteleira teatral galega ofrece dous títulos recuperados da súa longa traxectoria e outro máis baseado en textos de RVB. Isto no profesional. O Centro Dramático Galego ten unha historia moi vencellada á biografía de Roberto Vidal Bolaño. Foi o primeiro autor galego en estrear coa compañía institucional e foi un dos profesionais galegos que máis veces dirixiu para o Centro, mesmo contando con eses máis de oito anos nos que o autor mantivo a distancia co sector e co CDG.

Días sen gloria é a primeira produción do Centro nun ano no que esta institución ten a súa programación completamente dedicada á figura e á obra de RVB. Con dirección de Fefa Noia, a produción do Centro foi estreada en Compostela e está a media xira. Para a súa directora, esta obra de Vidal Bolaño, que gañou o premio Rafael Dieste e que Teatro do Aquí montou inmediatamente despois de Saxo Tenor, é unha «historia de amor entre personaxes que aparentemente non teñen nada en común». O elenco da montaxe está capitaneado por Manuel Manquiña e Eva Souto, como os dous peregrinos que fan o Camiño desde Francia. O resto dos moitos personaxes que RVB foi repartindo ao longo dese itinerario que rematará en Fisterra están asumidos por Felisa Segade, Borja Fernández e Sergio Zearreta.

Para Manquiña, interpretar un papel de Vidal Bolaño «é unha responsabilidade», tendo en conta, ademais, que el non viu a montaxe que o propio Bolaño protagonizou a principios dos anos noventa.

«Touporroutou»

A segunda produción que o CDG ofrecerá durante este ano estará especialmente destinada ao público infantil. Ten prevista a súa estrea no mes de outubro e será unha produción na que participará a compañía Teatro do Noroeste, baixo dirección de Eduardo Alonso máis a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Touporroutou da lúa e o sol, que Bolaño montou con diferentes compañías con case quince anos de diferenza, é unha das pezas que o dramaturgo escribiu para público infantil. Na obra, Bolaño reinterpretaba algunhas historias que parecían proceder da literatura popular, contándoas como se fosen contos e incorporando a esta sucesión de historias unha de Álvaro Cunqueiro. Partindo de como a lúa e o sol rifaron e decidiron non volver encontrarse máis, a peza desenvólvese como unha sucesión de fábulas para todos os públicos.