Culturgal reducirá o seu programa para asumir os recortes económicos

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Culturgal volverá ter a súa sede en Pontevedra o último fin de semana de novembro.
Culturgal volverá ter a súa sede en Pontevedra o último fin de semana de novembro. mónica ferreirós< / span>

Cultura asegura que esta semana comunicará á feira o seu orzamento

22 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Culturgal estuda un novo modelo de feira para este certame diante das dificultades económicas, un previsible recorte nas partidas procedentes de Cultura e o que consideran un retraso no coñecemento da cantidade definitiva da que poderá dispoñer a entidade organizadora para esta convocatoria.

A Asociación Culturgal, que agrupa a distintos colectivos sectoriais das industrias culturais galegas, prevé para este 2013 unha feira máis pequena. Así o explica o presidente desta asociación, Xulio Amigo, quen asegura que a feira «será no mesmo lugar, as mesmas datas e a mesma vocación, pero terá que ter un tamaño menor». Segundo Amigo, a asociación agarda un recorte na partida que Cultura destinará á feira e que é «fundamental» para a mesma. Ademais, explican que hai un «retraso na planificación» e a estas alturas non se sabe «cal será a cantidade que a Xunta dedique a apoiar esta actividade».

Desde a Secretaría Xeral de Cultura, aseguran que non hai tal «retraso» e que esta mesma semana se trasladará a Culturgal o importe da financiación económica con que pode contar a feira. Desde Cultura admiten que haberá un recorte sobre os 170.000 euros cos que contou o certame por parte de Agadic, Cultura e Política Lingüística. Pero Cultura non aclara cal será a redución ou cantos cartos se destinarán.

Xulio Amigo cre que é necesaria unha redefinición da feira para axeitala ás posibilidades, aínda que advirte que non «está en perigo de desaparición». Sinala que Culturgal volverá a ter a súa sede en Pontevedra, e terá lugar o último fin de semana de novembro con tres días de duración. Sobre o tamaño e as actividades, aceptando que terán que ser menos, Amigo declarou que será necesario esperar a coñecer «o orzamento definitivo para saber que podemos facer».