Xosé Carlos Caneiro: «Sigo escribindo sobre personaxes límite que viven en situacións límite»
OURENSE CIUDAD
Relatos breves que naceron dispersos forman parte do novo libro do escritor e columnista de La Voz Xosé Carlos Caneiro. A máscara de Ulises (Galaxia) preséntase hoxe na Feira do Libro de Ourense ás 20 horas.
-¿Por que reunir textos tan diversos?
-Hai dous motivos, o primeiro é xuntar a narrativa breve que fun facendo e ver como encaixa. O outro é que moitos deses textos corrían o perigo de perderse se non acaban nun libro.
-¿Que encontrou ao colocalos xuntos nun volume?
-O primeiro foi unha evolución estilística. Hai unha gran diferenza de xeito de escribir aínda que os argumentos sobre os que escribo vanse mantendo: personaxes límite que viven en situacións límite. No libro evitei a orde cronolóxica para situar os relatos porque quería esa mestura de épocas e de estilos.
-Na música, cando alguén publica un recompilatorio é que vai cambiar de estilo.
-Pode ser o meu caso. Estou nun proceso de cambio despois da última novela, Un último destino (Galaxia), pero é un proceso lento.
-¿Cales son os cambios?
-Estou escribindo con menos adxectivos, con menos cualificativos. Creo que é unha escrita menos barroca, máis simple. Facendo un pouco de autocrítica diría que a miña literatura anterior tiña ouropel de máis. No que estou traballando agora é en eliminar ese exceso. Pero non é fácil.
-A súa relación cos lectores ou co mundo cultural parece difícil. ¿Por que cre que é así?
-É unha relación de amor e odio. Hai xente que me quere ben e xente que me desquere moi ben. Como se non houbera termo medio. Pasa tanto cos libros como cos artigos. Co mundo cultural pásame igual, tamén é de amor e odio. Pero xa o teño asumido, parece que ten que ser así e non me preocupa.