Alfonso Blanco: «Na poesía de Díaz Castro están as luces e as sombras de Galicia»

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios VILALBA / LA VOZ

CULTURA

Define ao homenaxeado co Día das Letras como un clásico

23 jun 2013 . Actualizado a las 11:46 h.

Profesor, coordinador de Xermolos -impulsora da candidatura de Díaz Castro para o Día das Letras- e moitas actividades máis definen o labor de Alfonso Blanco, que coñeceu ao escritor a finais dos anos setenta. Ese trato persoal derivaría logo nalgún traballo sobre o poeta de Guitiriz.

-¿Que supón realmente a achega de Xosé María Díaz Castro dentro da poesía galega contemporánea?

-É un dos mellores poetas galegos da segunda metade do século XX. É verdade que só escribiu un libro; pero cando publicou Nimbos, quedou impactado cos comentarios de xente como Otero Pedrayo ou Carvalho Calero: non imaxinaba que xente de primeira liña se referise así ao seu libro.

-O amor á paisaxe e o coñecemento da cultura clásica poden ser trazos comúns con outros poetas chairegos, como Iglesia Alvariño ou Crecente Vega. ¿Cales son os seus trazos específicos?

-Bebe do aprecio á Terra Chá. Non era amigo de concretar espazos e tempos, abstraíase, buscaba a categoría emocional das cousas; pero participaba da identidade da comarca e el sentíase chairego.

-¿É un autor difícil?

-Non. Temos a experiencia de como chega á sociedade; e chega a todo o mundo por esa sinceridade que ten, por esa emoción de transmitir o que sentimos. É un poeta que transmite autenticidade. Falaba como sentía; como sentía a paisaxe, as cousas, etcétera.

-Hai poetas que amosan todo o seu mundo nunha obra ampla, de varios libros. El, porén, publicou só unha obra. ¿Está todo Díaz Castro en «Nimbos»?

-Penso que si. Nunha obra ampla pódense atopar máis regos e máis regueiros dese poeta; pero Nimbos ademais é unha obra moi variada: algúns poemas xa estaban escritos a comezos dos cincuenta, e outros xa viñan dos anos trinta e corenta. [A obra publicouse en 1961].

-O adxectivo «social» quizais non lle resulte tan propio como se lle pode dedicar, por exemplo, a Celso Emilio. ¿Que cre que transmite a súa poesía?

-En Nimbos está o seu mundo, pero Díaz Castro tamén é un poeta social: por exemplo, aí está Penélope [un dos poemas máis coñecidos desa obra]. Para el estaba claro que pertencía a este país, e na súa poesía están as luces e as sombras de Galicia.

-¿Ao dedicarlle o vindeiro Día das Letras, é esta a ocasión, pois, para que sexa recoñecido como un clásico?

-É un clásico. Xa cando morreu o era. Penso que imos chegar con el, a través da literatura e da música, a todos os recantos do país. O que le a Díaz Castro atopa a Galicia, iso téñoo moi claro.