A Agadic ten previsto reabrir o Centro de Documentación Teatral

C. F. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O director da axencia sinalou que o servizo, «unha reclamación do sector», estará localizado no Gaiás

25 jun 2013 . Actualizado a las 10:59 h.

A Axencia Galega das Industrias Culturais ten previsto recuperar o Centro de Documentación Teatral que no seu tempo fora posto en marcha polo antigo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais e pechado no 2008. Segundo o director da Agadic, Jacobo Sutil, a posta en marcha dun centro que se ocupe da documentación sobre o teatro galego, de arquivala e mantela a disposición de consulta, é «unha reclamación que o sector ten en Galicia e que a Agadic ten previsto atender».

O director da axencia non adiantou as datas posibles para esta recuperación, pero si sinalou que este servizo estaría localizado no Gaiás. Sutil sinalou que antes de poñer en marcha o centro, «hai que recuperar toda a documentación do anterior, clasificala e, despois, volver a comezar o traballo de incorporar novos materiais».

O Centro de Documentación Teatral tivo varios emprazamentos mentres existiu, un primeiro na Rúa do Vilar en Santiago, no mesmo edificio no que estivera a sede do Centro Dramático Galego, e un segundo no barrio de San Pedro, da mesma cidade. Pero ademais de cambiar os domicilios, tamén foron cambiando os cometidos. Nun primeiro momento este centro ocupouse de reunir documentación sobre o feito teatral en Galicia e publicacións de e sobre teatro para unha biblioteca especializada e algunha outra documentación como orixinais. O centro ía recollendo a produción documental das compañías e tamén tentando recuperar documentación antiga.

No ano 2006, cando o centro dependía do Igaem se trazou un novo plan para esta institución na que tiña que asumir funcións de análise de comportamento e preferencias do público galego, de maneira que os datos dos análises de preferencias e das estatísticas de espectadores estivesen a disposición das compañías.