«O teatro ten que actuar como un revulsivo para promover o cambio da sociedade», di o escritor
29 jun 2013 . Actualizado a las 10:41 h.Nos premios da Deputación da Coruña Xosé Manuel Pacho Blanco (Ourense, 1974) xa é un vello coñecido. Este avogado e escritor fíxose co Torrente Ballester de novela no ano 2007 e o xoves dábase a coñecer o fallo do galardón escénico Rafael Dieste, que o xurado lle concedeu á obra Teatro, ou xeitos de cargar unha arma. O texto foi escrito a catro mans, entre Pacho Blanco e Zé Paredes, actor, director e dramaturgo portugués afincado en Compostela.
-¿Como se constrúe unha obra de teatro a catro mans?
-Conxugando dúas sensibilidades que se poden complementar perfectamente: Zé ten unha visión máis academicista e a miña é máis libre, máis achegada ao espectador. E cada un aportou a súa versión para chegar a un espazo intermedio: ao mellor el apuntaba que tal cousa ou tal outra non se podía meter porque era imposible logo levala ao escenario e así, pouco a pouco, foi saíndo.
-O xurado salienta o feito de que o texto traballa con elementos do presente. ¿A que responde o título?
-Só me interesa o teatro actual, o que se define no seu tempo e está vencellado á contemporaneidade. A obra é unha proposta que trata de reflexionar sobre os problemas actuais, as angustias dos cidadáns, a crise, os abusos da banca... e aproveita esa realidade para amosarse reivindicativo, como unha metáfora da rebelión que deben canalizar os cidadáns. O obxectivo é o teatro social.
-¿Onde se sinte máis cómodo, na novela ou na escrita escénica?
-Para min non hai división que supoña unha incompatibilidade de xéneros. Cada cousa ten o seu interese; a novela, o relato, a escrita teatral, calquera formato é bo se coincide co que ti queres expresar e transmitir.
-Gañou o Torrente Ballester, o de teatro radiofónico da Radio Galega e agora o Rafael Dieste. ¿Por que só temos novas súas vencelladas aos premios?
-Con toda a sinceridade do mundo: ¡por necesidade! Teño oito obras inéditas: tres novelas, dúas obras de teatro e tres poemarios. Nalgún caso hai dous anos que estou agardando que me respondan da editorial; daquela os premios son a única saída para ver publicada a túa obra.
-Recorrendo ao tópico non semella que sexan bos tempos para a cultura.
-Son os peores que levamos vivido. A cultura é o que lle da valor engadido á sociedade, aínda que estes son tempos de estupidez, como podemos ver por actitudes como a que vén de adoptar a Agadic coas súas convocatorias.
-¿Chegará a obra ao escenario?
-Ata este ano era así, aínda que nesta convocatoria non se contempla. Tentaremos facer realidade a montaxe.