«Escribín a novela poñéndome na pel dos lectores do xornal»

CAMILO FRANCO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«O corazón da Branca de neve» publicarase diariamente en agosto

14 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Os personaxes desta novela podes encontralos en calquera viaxe no Vitrasa»

A Francisco Castro non lle mete medo nin o número 13 nin desdicirse. O gañador do Premio de Novela por Entregas de La Voz na súa décimo terceira edición explicaba na entrevista ao escritor do mes da AELG, que publicaba onte o suplemento Culturas, que acaba de rematar unha novela e xa se puxera con outra. Non desvelaba xéneros nin argumentos. Esa novela, con policía incluído, é a que publicará La Voz de Galicia entre os días 1 e 31 do vindeiro mes de agosto. Cada día un capítulo, cada día unha pista. Unha novela policial cun argumento de actualidade: o roubo de bebés.

-¿Cal é o punto de partida para «O corazón da Branca de neve»?

-Como outras veces, o punto de partida foi unha noticia no xornal das moitas que seguen saíndo estes días sobre roubos de bebés e xente adulta que quere saber quen eran os seus pais. Leo esas historias e quero escribir unha novela sobre iso, e é cando se publican as bases do premio.

-¿Como condiciona a escrita o requirimento de ser publicada día a día nun xornal?

-Teño que dicir que cada capítulo ten 3.500 carácteres exactos, nin 3.499 nin 3.501. Vivín o proceso como un reto. Poñéndome na pel dos lectores de xornal e na necesidade de manter a intriga durante os trinta e un días do mes.

-¿Cales son as características desta historia?

-Está protagonizada por un policía, un inspector vigués, o inspector Hermida, que está no final da súa carreira e que o menos quere é enfrontarse a un caso do roubo dun bebé. A novela ten un punto de denuncia social importante porque a quen lle rouban os bebés son ás mulleres das clases humildes, non ás nenas de papá. Tamén hai unha denuncia da corrupción en determinados sectores nos que non debería haber corrupción.

-Esa é a trama principal, pero a novela a medida que avanza vai incorporando outras tramas.

-Ese foi un gran problema. Cando pensas en escribir unha novela en trinta e un capítulos pensas nunha soa liña argumental. No primeiro capítulo da historia o lector está diante dunha situación, no segundo capítulo aparece outro personaxe, no cuarto ou quinto volve aparecer un novo. A idea é que, suavemente, se fosen enguedellando todas as historias para confluír no final. Todo iso coa limitación espacial. Foi un reto e, para min, que levo 19 libros, foi unha maneira nova de abordar a creación.

-Vigo é completamente recoñecible na historia. ¿Por que unha paisaxe real?

-Porque é a miña paisaxe. Cada vez pásame máis. Cada vez escribo máis obras centradas na miña contorna máis inmediata. Dicía Miguel Torga que o universal é o local sen fronteiras. Esta é unha historia que transcorre no barrio de Teis, pero é unha historia universal. Este tipo de abusos danse en todos os lugares do mundo.

-O protagonista é un detective cun retrato moi concreto. Ten unha historia que lle pesa. ¿Ese personaxe ten posibilidades de sobrevivir á novela por entregas?

-Estou convencido de que si. Din que rectificar é de sabios. Cando escribín In vino veritas, que é unha parodia dunha novela policial, verbalicei que non me achegaría ao xénero policial. Pero esta é unha novela policial e creo que o inspector Hermida ten entidade como para protagonizar máis historias.

-Ademais do protagonista hai unha serie de personaxes secundarios cun certo carácter prototípico. ¿Hai referentes reais en Vigo para estes personaxes?

-Todos teñen algunhas referencias. O máis marcadamente literario é o detective, pero o resto son persoas que poden estar rodeándonos a calquera de nós. Hai unha protagonista que é unha rapaza inmigrante, hai un médico que non se preocupa da saúde. Creo que a novela policial ten a obriga de facer unha pintura da sociedade da súa época. Creo que os personaxes desta novela podes encontralos en calquera viaxe no Vitrasa.

-Unha vez superada a proba. ¿Volvería a someterse á disciplina dos 3.500 caracteres para cada día ou é unha tortura?

-A palabra non é tortura. Eu son un autor de longas dimensións. As miñas últimas novelas son soberanamente gordas. Aquí estaba o reto desde o principio. Aos escritores nos gusta ir coa quinta marcha posta e aquí tratábase de conducir todo o rato en segunda e que coche pite ben. Ese era o reto. ¿Se volvería asumilo? Dentro dun ano ou dous, cando me recupere desta.

«Creo que o inspector Hermida ten entidade como para protagonizar máis historias»