A Insua dos Poetas dedicará a Blanco Amor a Festa da Palabra

X. F. redacción / la voz

CULTURA

O padroado da fundación celebrou onte a súa xuntanza constitutiva.
O padroado da fundación celebrou onte a súa xuntanza constitutiva.

Celebrarase o primeiro sábado de xullo do 2014 na Esgueva, Madarnás, no Carballiño

26 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O padroado da Fundación Insua dos Poetas celebrou onte a súa xuntanza constitutiva, na que tamén acordou dedicarlle a vindeira Festa da Palabra a Eduardo Blanco Amor. Celebrarase o primeiro sábado de xullo do 2014 na propia insua, na Esgueva, Madarnás, no Carballiño, onde o artista Acisclo Manzano erixirá un monumento alusivo á obra do escritor, conforme ao espírito da fundación de manter «un diálogo permanente entre literatura, artes plásticas e creación cultural coa natureza», segundo declarou onte o presidente da fundación, Luís González Tosar. Completan a directiva da entidade o vicepresidente, Domingo Manuel Calvelo Iglesias; o secretario, Xabier Castro González; e os vogais Antón Pulido, Víctor Campio Pereira, Celso Sánchez González e Antonio Piñeiro. Á xuntanza de onte tamén asistiron convidados o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, ademais dos artistas Xosé Cid, Manuel Penín, Vidal Souto, Acisclo Manzano e Nicolás González Aller.

No 2014 cúmprense 35 anos do pasamento de Blanco Amor, «unha figura un tanto desvalida, xa que non ten unha fundación ou familiares directos que velen pola súa obra e garden a súa memoria», indicou Tosar, quen tamén se felicitou de que Blanco Amor siga a ter moitos lectores, «aínda que a súa faceta poética, o seu teatro e o seu xornalismo merecen máis atención». O vindeiro 21 de marzo a Insua dos Poetas tamén celebrará os días mundiais da árbore, da auga e da poesía.