Mofa e Befa inauguran hoxe Fetega en O Carballiño, o único festival de teatro en galego
CULTURA
Representacións teatrais, teatro de rúa, espectáculos infantís e obradoiros conforman o seu programa de actividades
03 sep 2013 . Actualizado a las 10:52 h.O Festival de Teatro Galego (Fetega) de O Carballiño, o único das súas características que existe en Galicia, inicia hoxe unha nova edición. Representacións teatrais, teatro de rúa, espectáculos infantís e obradoiros conforman o programa de actividades que se desenvolverán ata o venres no auditorio carballiñés. A compañía Mofa e Befa abre hoxe o festival coa comedia Románticos, con Quico Cadaval, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Piti Sanz. O mércores terá lugar a representación de Gaivotas subterráneas, de Voz Audiovisual, coa participación de Luis Iglesias e Xabier Deive. O xoves tocaralle a Talía Teatro coa obra de intriga O método Gronholm, protagonizado por Toño Casais, Artur Trillo, María Ordóñez e Dani Trillo, e o venres actuará Carlos Blanco co seu espectáculo Ao vivo? de momento. Este mesmo día terá lugar a entrega dos premios Fetega 2013, nas modalidades de actor, actriz e director, que concede o público que asiste ás representacións. Todas as funcións serán a partir das 22.30 horas, para o público adulto, e as entradas, que se poderán mercar na taquilla do auditorio, terán un custe de 8 euros.
As actividades complementarias de rúa que se desenrolarán nos días do festival na praza do Concello do Carballiño serán ás 18.30 horas. Ao acto de presentación do Fetega acudiron un gran número de actores protagonistas das representacións que destacaron a función do teatro como elemento cultural na sociedade e tamén como xerador de riqueza. Neste senso recordaron de que maneira reverte o festival na vila carballiñesa a través do público que cada ano acode a esta cita.
Á presentación acudiron tamén o rexedor carballiñés, Argimiro Marnotes e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, que apoian esta iniciativa.-