O Fetega premia a obra «Gaivotas subterráneas»

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

A peza recibiu os galardóns ao mellor actor e espectáculo

07 sep 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

O Festival de Teatro Galego de O Carballiño (Fetega) pechou onte as súas portas coa entrega dos premios da súa 24 edición. A obra Gaivotas subterráneas, de Voz Audiovisual, resultou a gañadora deste ano cos premios ao mellor espectáculo e ao mellor actor, que recaeu en Luís Iglesia.

A directora do festival, Josi Lage, subliñou onte a calidade de todos os traballos que pasaron polo auditorio carballiñés dende o pasado martes. Un nivel que se reflicte nas votacións feitas polo público -que foi quen decidiu o premio ó mellor espectáculo- xa que a menor das nota rozaba os oito puntos dos dez totais.

O premio ao mellor actor para Luís Iglesia -que comparte escenario con Xabier Deibe- foi concedido por un xurado que resaltou a súa calidade interpretativa, o seu cambio corporal e vogal e a súa maxistralidade sobre o escenario.

Gaivotas subterráneas competiu no festival con Románticos de Mofa e Befa, e co Método Gronholm de Talía Teatro. Carlos Blanco foi o encargado de por onte o punto e final ó festival co espectáculo Ao vivo... de momento, nunha noite na que tamén se concedeu o premio honorífico Fetega 2013 a Eduardo Alonso, autor, adaptador e director de teatro, pola súa contribución á escena galega.

«Se algo pode caracterizar ao Fetega é a calidade. A edición deste ano foi brillante e excepcional, tanto polos espectáculos que se puideron ver como pola resposta do público na sala», relatou onte Lage que destacou o traballo dun ano enteiro para conseguir achegar ata a vila do Arenteiro os mellores espectáculos que este ano percorreron Galicia.

«Custounos moito poder ter unha programación como a que tivemos. Sen a colaboración das institucións e das empresas privadas sería imposible que a cita seguira. O Fetega ten que caracterizarse por ofrecer o mellor que se está a facer en Galicia e este ano conseguímolo con creces».

O Festival de Teatro Galego do Carballiño avanza agora de cara á celebración súas vodas de prata. «Será todo un reto. Loitaremos para sacarlla adiante pero estamos convencidos de que a 25 edición do Fetega será inesquecible», destacou Josi Lage.