Manuel Álvarez Torneiro: «Este premio cementa o idioma, recoñece o valor dunha lingua»
CULTURA
O poeta salienta que con 80 anos segue escribindo e recibindo galardóns
09 oct 2013 . Actualizado a las 11:51 h.Os poetas sempre teñen a palabra axeitada. «Contento». «Gratamente sorprendido». «Agradecido». «O mundo é unha merda pero a vida é marabillosa». Así definía onte Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) o seu estado de ánimo. Víase feliz, satisfeito e retranqueiro: «Xa non colgo o teléfono a ver se me chaman do Nobel porque é o que lle falta a este libro...». «Moitas grazas, pero o importante é que tomemos un café, polo menos de media hora, e falemos; ¡claro que che asino o libro!», respondía a unha das ducias de chamadas para felicitalo. «Empezo a estar abrasado de trata brasa», ironizaba xogando co título do poemario premiado Os ángulos da brasa (Factoría K, colección Tambo).
-¿Como leva isto do premio?
-Esta mañá había tres teléfonos na casa e todos soando ao mesmo tempo, non sabía a cal deles atender, paraba un e empezaba outro. ¡Isto é de tolos! Eu ata onte estaba moi tranquilo pero... (sóalle o móbil) ¿Ves?
-¿Cantos premios leva «Os ángulos da brasa»?
-Este é o cuarto premio en tres meses porque recibiu o da Crítica Española, o Ánxel Casal de poesía que outorga a Asociación Galega de Editores e o premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Este é o cuarto, e o máis importante de todos.
-¿Agardaba por este galardón?
-Sabía que estaba aí na grella de saída pero que era moi difícil que mo deran nun ano no que había tantos poemarios bos en castelán, e tamén en catalán. Que premiaran un poemario en galego era imprevisible. Este é o primeiro libro en galego que recibe o Premio Nacional de Poesía. Isto vai ser un toque de atención moi importante.
-¿En que sentido?
-Este premio cementa o idioma e recoñece o valor dunha lingua. Isto é moi importante para o galego, para a nosa lingua.
-¿Qué ten de especial este poemario para ser tan recoñecido por todos?
-Foi publicado no momento xusto, responde a temas do día a día, camiñou pola senda de moitos e fixo unha viaxe responsable. Este libro non é un produto estándar, nin frívolo, nin lúdico, nin simplista. Incide nunha realidade que é tan persoal como plural. Foi escrito (non sempre ocorre) para entendernos, con ese acento eu diría rigorosamente humano, lembrando un dos meus títulos máis felices.
-¿Cantos libros leva publicados?
-Deben ser 17 ou 18, non levo ben a conta.
-¿Sempre poesía?
-Si, e en galego, agás dous poemarios en castelán. O que pasa é que eu ata os 50 anos non empecei a publicar pero logo xa foi unha carreira costa abaixo e sen freos, a toda velocidade. E agora con oitenta anos xa cumpridos aínda sigo escribindo e recibindo premios.
-¿De que escribe?
-Da memoria, xa non temos outra cousa. Os ángulos da brasa é un libro de memoria, que é un tema moi presente na miña poesía, xunto co amor ou a paixón. A memoria é o mellor argumento dos mellores poemas, aí está a ledicia, a tristura, o amor, a amizade... Os recordos son como as musas que veñen a botarme unha man á hora de escribir.
-Cando recolleu algún dos premios por este libro dicía que é un poemario debedor de persoas que o empuxan a escribir.
-Hai moita xente aí. Eu teño que agradecer moito que hai xente que espera algo de min, que pregunta que estou escribindo, que se interesa polo que estou facendo. É unha especie de ánimo para escribir do que eu estou moi agradecido a moita xente que está aí e eles saben quen son.
-¿Qué lugar ocupa a poesía na literatura?
-A poesía é un xénero de rango superior, hai que procurar que sexa en todo momento iso, senón non é poesía.