Xabier Cordal recibe o galardón de creación literaria nos Premios da Crítica Galicia 2013
CULTURA
o xurado da modalidade de Creación Literaria acordou outorgar por maioría o premio ao SEU poemario social «Transmuta»
20 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Dende 1978, os Premios da Crítica Galicia recoñecen cada ano a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. A trixésimo sexta edición foi celebrada onte en Vigo baixo o lema Auga limpa en fresca fonte, tomado dun verso de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. O certame articúlase arredor de sete xurados para cada unha das categorías que se contemplan. Así, o xurado da modalidade de Creación Literaria acordou outorgar por maioría o premio ao poemario social Transmuta, do autor coruñés Xabier Cordal, obra editada por Edicións Xerais de Galicia.
No apartado de Investigación, e tamén por maioría, o premio foi para a biografía Murguía, de Xosé Ramón Barreiro Fernández, editada por Galaxia. O premio de música foi para o Taller Atlántico Contemporáneo.
Culturgal. Feiras das Industrias Culturais de Galicia foi a proposta que acadou por maioría o galardón de Iniciativas Culturais, mentres que o fotógrafo e matemático vigués Xulio Gil foi o elixido este ano por unanimidades como merecedor do Premio de Artes Plásticas e Visuais.
Por último, a compañía Voadora levou, polos seus espectáculos Waltz e Tokio 3, o Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais.
Máis de trescentos persoeiros representativos dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país xuntáronse neste acto integrador conducido por unha directiva presidida por Bieito Ledo, que se inspira dende os inicios na pluralidade xeracional, ideolóxica e de xénero.