Castro di que non é lector de novela negra, que bebe do cine
21 oct 2013 . Actualizado a las 09:26 h.Francisco Castro (Vigo, 1966) xa tiña a personaxe do policía Hermida prefigurada -inspector galego, vigués, maduro, sagaz, que cre nun mundo que se divide en bos e malos- cando decidiu presentarse ao Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, certame que gañou o pasado verán con O corazón da Branca de Neve, unha novela que se publicou no diario cada día do mes de agosto e que agora vén de ver a luz en forma de libro. O investigador ilumina o relato, e é quizais o seu maior achádego.
-Semella que ten futuro.
-É a miña aspiración. De feito, estou rematando agora unha novela xuvenil, que interrompín pola novela por entregas, pero a miña cabeza xa traballa noutra aventura do inspector Hermida.
-¿O inspector responde ao patrón detectivesco europeo ou ao norteamericano? ¿Simenon ou Chandler?
-Recoñezo que non son un gran lector de novela negra. A miña influencia máis grande vén do cine, do cine negro. As películas da miña xuventude nun cine de barrio, no cine Roxy de Teis. Hammett e Bogart, sobre todo. O meu patrón sería máis ben hollywoodiense.
-Tende máis cara un perfil de detective torturado que aos gastrónomos, os Carvalho, Montalbano, Jaritos...
-Absolutamente torturado. Consume unha farmacopea importante. Os pesadelos o perseguen. Séntese culpable por algo do pasado.
-O formato novela por entregas tamén foi unha tortura para o autor.
-Si, inicialmente. Son autor de novela de largo alento. Pero cambiei o chip para escribila. E convertinme nun talibán do xénero. Non me deitei hasta que conseguín que cadrara. Cada capítulo ten 3.500 caracteres, non 3.499, nin 3.501. Pero tratei de que isto estivese acompañado dunha escrita de calidade e dunha historia complexa, de certa coralidade.
-¿Repetirá experiencia?
-Non sei, pero ao final resultou incluso divertida.
-¿Perde ao vela como libro, cando naceu para o diario?
-Non. Vela de forma íntegra lle da un aspecto como de historia redonda. Hai uns días que saíu, e xa hai moita xente que me di a través das redes sociais que a leu dunha sentada, que non foron capaces de deixala. Estou moi satisfeito.
-Iso que vostede non era moito de novela negra...
-In vino veritas xa era unha especie de novela negra deconstruída. E a verdade é que nas outras novelas sempre fun pegado á realidade, interesado en retratar a sociedade, a súa parte máis fea.
Francisco Castro Escritor e gañador do premio novela por entregas de la Voz