Corenta músicos galegos e lusos exploran espazos comúns na Illa

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O auditorio arousán acolle hoxe a posta de largo de «CoraSons», un libro cedé que culmina un proxecto no que a fotografía derivou en canción

15 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O actor arousán Carlos Blanco -que desenvolve como anfitrión neste gran circo- percibiu xa de inicio que «se ía liar unha moi boa; o que non sabía era ata que punto sería boa», confesa. Non imaxinaba que aquilo que empezou con dous amigos e unhas cancións remataría na Semana Santa do 2012 nunha gravación ao vivo no auditorio da Illa con máis de 40 músicos e artistas vidos de toda Galicia, Portugal, Brasil e Angola. E que ese traballo quedaría recollido nun libro-cedé-deuvedé (CoraSons, un fermoso obxecto, e non só iso) que vén de publicar o selo Kalandraka.

Hoxe volven á Illa para a posta de largo do espectáculo, recital que terá lugar ás oito da tarde, un día despois de que se proxectase o documental que filmou Paco Abelleira, un making of sobre a xestación do traballo que contén o deuvedé que leva aparellado o álbum.

Todo isto chega tras dous anos e medio de camiño, un percorrido que nace cando a fotógrafa portuguesa Isabel Leal pasaba unha convalecencia na casa, e asomada a Internet foi asaltada pola idea de que moitas das imaxes que contemplaba encerraban un corazón, como forma, nunha simetría, oculto nun reflexo, nun desenfocado... Deseguido viu que nas súas fotos tamén era motivo recorrente. Comezou a reunilas e expoñelas en Facebook, e neses nexos estraños que traman as redes sociais chegaron ata Uxía, que mantiña unha vella amizade con Isabel, que retomaron. Houbo unha exposición. Do divertimento á fascinación crecente, e desta ás cancións -a isto dos corazóns hai que poñerlle banda sonora, díxolle Uxía-, que a medida que se espallaban as conexións ía incorporando novos socios e organicamente medrando con achegas desde os recantos máis inesperados do mundo.

Congreso de cardiólogos

«Non todo na vida é unha última oportunidade, pero algunhas cousas son irrepetibles. Se podes abrir un espazo no teu día a día para o irrepetible non peches a oportunidade». Quen fala é a brasileira Luanda Cozetti, a mesma que cualificou burlonamente a xuntanza da Illa como congreso de cardiólogos da lusofonía. E a verdade é que ata hai unha cardióloga, Belén Cid, experta no músculo de bombeo que botou a cantar con Magín Blanco. Tamén se atreve Carlos Blanco, a medio camiño da declamación e o monólogo.

Budiño, António Zambujo, Tatán Cunha, Najla Shami, Xoán Curiel, Aline Frazão, João Afonso, Bruno Cardoso... Máis de 40 músicos metidos «nun caos divertidísimo» cuxa coordinación tentou o brasileiro afincado en Compostela Sérgio Tannus, que concede que a intuición, a improvisación, o diálogo e a amizade se impuxeron á técnica: «O segredo é o crecemento orgánico do álbum, a comunidade, gravar xuntos, estar xuntos, sonar xuntos, pulsar xuntos os corazóns».

Así foi como un abano de xente tan ampla, ratifica Uxía, co xeito espontáneo da amizade, conformou, pese aos estilos e propostas musicais tan diversas, un produto con tanta unidade, tan coherente, no que se «exploran espazos comúns na raíz común das linguas». E é verdade que co fío condutor do corazón, nas súas facetas máis diferentes, con temas propios, clásicos, pezas tradicionais... todo soa natural.

Uxía espera que CoraSons envíe unha mensaxe positiva á xente, traia alegría curadora. Xa hai quen lle avanzou que o probará «como agasallo para a súa nai pachucha que toma sintrom».