Redondela salva o premio Blanco Amor

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

FERROL CIUDAD

O Concello de Ferrol, entidade responsable da organización do 2013, alertara de que a súa continuidade corría perigo

15 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello de Redondela convocará este ano o Blanco Amor, salvando deste xeito in extremis este premio de novela, xa que a entidade responsable da organización do 2013, o Concello de Ferrol, alertou de que a súa continuidade corría perigo. As delicadas circunstancias que vivía un dos galardóns senlleiros das letras galegas debíanse a que os tres municipios aos que lles tocara asumir a vindeira edición renunciaron a esta responsabilidade, xa que xa foran anfitrións do premio en ocasións anteriores. Ademais, un número considerable de concellos non fixeron as achegas económicas necesarias para acadar os 12.000 euros que recibe o gañador.

Ante esta situación, Redondela convocou onte unha reunión en Santiago para buscar fórmulas que garantan a supervivencia do Blanco Amor. No encontro o concelleiro de Cultura, Julio Alonso, comprometeu a organización e se sentaron as bases para estudar cambios que aseguren futuras edicións. Estas modificacións pasan por adaptar as achegas municipais ao tamaño dos concellos, así como adiantar o sorteo no que se elixe a entidade organizadora. Actualmente faise en novembro, «o que resulta moi tarde para poñer en marcha a maquinaria para o ano seguinte, e que ademais colle a moitos concellos cos orzamentos xa pechados», explicou onte Alonso. O concelleiro tamén expuxo a idea de crear unha especie de centro de documentación arredor do premio que facilite a quen lle corresponda asumilo as tarefas relacionadas coa organización.

Deste xeito, Redondela ten previsto publicar a convocatoria antes de rematar este mes, e o fallo producirase en novembro, aínda que se conta con adiantar o sorteo «para que o seguinte concello teña algo máis dun ano para organizalo». Desde a súa creación en 1981, o Blanco Amor distinguiu novelas de Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Inma López Silva, Francisco Castro ou Cid Cabido, entre outros.