A historia transcorre a mediados do século XVIII e «loxicamente a torre de Hércules non estaba como a vemos hoxe»
30 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Un bergantín pirata fondeado no porto coruñés. Un home que vai buscar ao seu armador a uña de cabalo desde Fisterra ata A Coruña. Un combate naval, con abordaxe incluída, fronte un cabo Vilán no que non existía aínda faro. Un grumete que sobrevive e busca a axuda de dous amigos que están en terra e acaban sendo os protagonistas. E, por suposto, o tesouro de toda boa historia de aventuras como é esta. Son escenas da novela Costa do solpor (Xerais), que o escritor Xosé María Lema Suárez presentou onte na sede dos Amigos dos Museos de Galicia, na Coruña. O autor deste libro, que foi finalista do premio Xerais no 2011, amosou imaxes dos lugares onde transcorre «esta aventura de mar e terra ambientada parte na Coruña e parte na Costa da Morte», explicaba Lema, natural de Vimianzo. Os concellos de Muxía, «onde a Furna da Buserana ten un protagonismo moi especial», Camariñas e Fisterra son outros dos escenarios desta narración.
A historia transcorre a mediados do século XVIII e «loxicamente a torre de Hércules non estaba como a vemos hoxe», dicía o escritor, amosando a imaxe do bimilenario faro. Tamén detallaba que na trama mestura personaxes de ficción con outros que foron reais, aínda que a algún deles non chega a nomealo ata as notas históricas que van ao final do volume. É o caso «do armador máis poderoso do século XVIII que había no porto da Coruña, que era Jerónimo de Hijosa, un personaxe que está documentado», anota Lema Suárez.
Esta novela «empeza cando acaba A illa do tesouro»: cando os personaxes de Stevenson que sobreviven a aquela aventura volven da illa, «hai unha tormenta e aparecen na Costa do Solpor, que é unha invención miña porque daquela non existía a Costa da Morte», explica Lema, que no acto da presentación estivo acompañado por Felipe Senén Gómez e Xurxo Souto.