Francisco Díaz-Fierros: «Estanse a facer acusacións graves non demostradas contra Filgueira»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Fierros di que é un «acto de absoluta xustiza» o nomeamento do pontevedrés

13 jul 2014 . Actualizado a las 12:26 h.

Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático emérito da USC, presidente do Seminario de Estudios Galegos e membro da Real Academia Galega, foi o encargado de defender a proposta de Xosé Filgueira Valverde como protagonista do Día das Letras Galegas do próximo ano, unha decisión que xerou unha enorme polémica social da que di que non acaba de entender. Insiste en que no plenario da institución, na que se tomou a decisión, o acordo non xerou ningún tipo de debate.

-Esperaba a polémica?

-Pensabamos que podía existir algo de polémica, pero non con esta intensidade. Estase orquestrando unha campaña que me parece moi esaxerada.

-Si, pero a polémica social vén non pola súa obra, senón polo seu pasado franquista.

-Á marxe de cuestións de tipo ideolóxico, o que sempre se valorou de maneira prioritaria foi a obra dos candidatos e a súa defensa do galego, que no caso de Filgueira tamén está materializada na súa obra. Tamén fixo un labor institucional moi importante, mesmo como conselleiro de Educación e Cultura, etapa na que apoiou decididamente o galego. E a defensa que fixo nas Cortes do galego e do bilingüismo na escola calquera de nós podería asinala hoxe en día. Da nada tamén creou o Museo de Pontevedra e converteuno nun dos mellores provinciais de España. O que se valorou foi a súa obra escrita, pero tamén a institucional.

-Entón cre que o seu nomeamento foi un acto de xustiza?

-Absolutamente. Sen dúbida é un acto de xustiza. Foi un home que traballou sempre por Galicia, e é un dos grandes que aínda ficaba por nomear. Hai xa catro ou cinco anos en que a súa proposta estivo sempre moi ben colocada e un ano perdeu so por un voto.

-E por que o merece?

-Hai moitas razóns. Ten unha obra inmensa e de moita calidade, cunha erudición moi importante en todos os seus traballos. É unha obra da cultura galega en 2.133 publicacións, que se lle sumas conferencias e cursos poden pasar de 5.000. É case imposible facer unha investigación en Galicia sen que se atope a Filgueira como referencia.

-Entende o que está a pasar?

-Non. A movida que se está montando é algo que non entendo moi ben. Hai xente que cre que antes que valorar a vida e a obra dunha persoa hai que valorar a súa filiación política. Hai xente moi maniquea que divide o mundo entre bos e malos, e os que son bos, son bos, e os malos moi malos. E o que me molesta especialmente é que se están a facer acusacións moi graves contra a súa persoa que non están demostradas. E é unha frivolidade moi grande falar de cousas que non están comprobadas.

-Refírese ao xuízo de Bóveda e ao seu pasado franquista?

-Acúsaselle de que non defendeu ao seu amigo Bóveda no xuízo que acabou co seu pasamento, pero penso que a reportaxe de La Voz na que falan o fillo e o neto do galeguista é moi clarificadora. Os avogados aconselláronlle que non testificase porque podería ser contraproducente para Bóveda, a quen quería axudar, e agravala súa situación.

-E o seu pasado franquista.

-Filgueira non foi un franquista activo. Hai fotos de actos nas que estaban os xerifaltes cos brazos en alto, e el non. Foi un home que aceptou os postos que lle ofreceron, como o de alcalde de Pontevedra, porque cría que podía facer cousas. Eu creo que evitou ao máximo adherirse a causa do réxime.