Un adolescente grafiteiro protagoniza «Reo», a novela coa que o autor gañou o premio Raíña Lupa
14 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Novo libro de Xesús Fraga (Londres, 1971). Trátase de Reo (Galaxia), co que gañou o premio Raíña Lupa de literatura xuvenil, e que protagoniza un grafiteiro de 17 anos.
-¿Por qué escolleu un grafiteiro para esta historia?
-O graffiti é unha presenza constante nas nosas paisaxes urbanas, pero son moi poucos os que reparan nel, e os que o aprecian, aínda menos. Hai un gran descoñecemento sobre as motivacións dun grafiteiro, e axudar ao lector a descubrilo era unha das miñas intencións coa novela.
-O libro amosa un gran dominio do argot técnico, ¿foi vostede grafiteiro de rapaz?
-Si, entre os 14 e os 20, máis ou menos, vivín con moita intensidade o graffiti e o seu mundo. Non pintei tanto como me gustaría, pero si que era moi activo coa cámara. Entre as miñas fotos e as que intercambiaba con grafiteiros de todo o mundo conseguín xuntar un álbum ben curioso. No básico o argot non cambiou.
-Reo, o protagonista, quere encher a cidade co seu nome pero seu avó facía carteis de películas para o cine e non os asinaba. ¿E a mostra dun cambio social?
-A novela tamén propón unha reflexión sobre o que somos, o que queremos ser e como nos ven os demais, a través dos nomes e alcumes que eliximos ou que nos poñen. Escribir o seu nome é a razón de ser dun grafiteiro, o que dá pé a preguntarse sobre a identidade. O avó, en cambio, é un artista anónimo, aínda que aí me interesaba máis recuperar esa artesanía desaparecida dos carteis dos cines antigos.
-Reo non é dos que pintan monumentos, ¿cómo se diferenza?
-No graffiti hai de todo: quen quere ser «malo», quen pinta de xeito indiscriminado e mesmo guerrea cos colegas. Tamén están os que queren desenvolver o seu estilo ou difundir esta arte e prefiren facelo con máis tranquilidade. Para min, o ideal é quen elixe os sitios que pinta tendo en conta o contexto e as súas consecuencias. Reo é consciente da historia da arte e nunca pintaría sobre algo con valor patrimonial.
-O xurado salientou a temática actual e a linguaxe directa, ¿podería chamarse literatura rap?
-Esta historia acontece agora mesmo, coa crise de fondo, e hai un personaxe que rapea sobre a trama, a modo de resumos. O rap sempre foi un xénero moi axeitado para contar a realidade.
-Cando se presenta Reo e di «un ninguén, vamos», soa ao Balbino de Neira Vilas, ¿non?
-Si, o comezo é unha homenaxe consciente a Balbino e tamén a Holden Caulfield, de O vixía no centeo.
xesús fraga xornalista e escritor