Nélida Piñon, unha autora mestiza que busca fixar a memoria do mundo

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN /LA VOZ

CULTURA

Nélida Piñón entra na Academia flanqueada por Fina Casalderrey e Pegerto Saavedra.
Nélida Piñón entra na Academia flanqueada por Fina Casalderrey e Pegerto Saavedra. CÉSAR QUIAN< / span>

A Academia Galega recibiu onte á escritora brasileira como membro de honra

28 sep 2014 . Actualizado a las 10:18 h.

A viaxe continua entre ambas as dúas beiras do Atlántico, entre Galicia e o Brasil, na que se converteu a vida de Nélida Piñon (Río de Janeiro, 1937), tivo onte unha parada especial na sede coruñesa da Real Academia Galega. Flanqueada por Fina Casalderrey e Pegerto Saavedra, a escritora entrou entre aplausos no salón de actos da institución que acordara nomeala académica de honra, para recibir a medalla acreditativa de tal distinción de mans do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Pero antes, a autora de A república dos soños, a novela máis ambiciosa sobre a emigración galega, e de cuxa publicación se cumpren agora trinta anos, pronunciou un discurso de agradecemento que ao mesmo tempo foi toda unha declaración de principios literarios.

Se o péndulo da vida deixou á filla de emigrantes de Cotobade cun pé nos eidos natais e outro na América luminosa -«filla do sol», definiuse onte-, tamén no seu labor literario foi decisiva esta ambivalencia. Nesa escrita entendida como «representación da existencia» que combina a «paixón da literatura cos dominios da razón», os relatos familiares, especialmente os do avó Daniel, asumiron un papel análogo ao que exercían os mitos para os antigos: «dar orde ao caos». Galicia e os devanceiros acrecentaban a imaxinación da Nélida nena, que vía unha «dimensión moral» que afloraba da figura do pai e que se concretou na súa definición do traballo do escritor: «O meu oficio non comporta a indiferenza».

A ese legado galego, que a escritora equiparou ao cariño co que os canteiros de Cotobade trataban a pedra, sumáronse os textos gregos e árabes, as obras dos grandes autores europeos, e influencias notables como a de Wagner. Desa amalgama agromou unha narradora que se definiu onte como mestiza, no tocante á procedencia dos seus devanceiros e mais ao país que os acollera. Unha mestura étnica e xeográfica, pero que tamén se movía entre planos temporais e humanos: «As historias tecidas por todos os seres e facelas miñas». O resultado, liberador, permitíalle ser «home, muller e bicho ao mesmo tempo», cunha dimensión totalizadora que busca o diálogo cos antigos e os contemporáneos e fixar «a memoria do mundo».

Nélida Piñon recibiu a medalla de académica cun sinxelo «obrigado» que Alonso Montero correspondeu cun «graciñas»: «O diminutivo non fai máis que axigantar a nosa gratitude», explicou.