Abel Caballero acurrala en Vigo o topónimo Peniche, único en España

Alfonso Andrade Lago
Alfonso Andrade REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Peniche, en Vigo, mudará o seu histórico nome polo de Praza da Aperta<span lang= es-es >. </span>
Peniche, en Vigo, mudará o seu histórico nome polo de Praza da Aperta. m. moralejo< / span>

Universidade e Real Academia Galega reaccionan para tentar rescatalo

08 dic 2014 . Actualizado a las 10:52 h.

Peniche significa pena pequena. Parece unha cativeza, unha insignificancia. Non é tal, senón un topónimo único que en España só sobrevive na cidade de Vigo. Peniche era a parte máis setentrional da parroquia histórica de Coia e definía a denominada Ribeira de Peniche. Hoxe resiste nun cruce de rúas (López Mora, Tomás Alonso e Pi i Margall) que os vigueses identifican claramente. E sobrevive tamén nunha escalinata, nunha ruela de non máis de metro e medio de ancho, perfectamente descoñecida para boa parte dos cidadáns. O Concello vigués vai converter o cruce de Peniche na Praza da Aperta, acantoando o topónimo na pequena escalinata, que sería o seu derradeiro vestixio.

En Galicia existen aproximadamente un millón e medio de topónimos e microtopónimos, o 35 % dos que existen en España. Esta riqueza é única no mundo segundo os filólogos, que alertan sen embargo do risco de esvaecemento de moitos; en parte, pola desaparición paulatina dos nosos maiores, que nas aldeas son auténticas enciclopedias de transmisión oral, pero tamén por decisións políticas que enterran denominacións históricas.

O pasado 7 de novembro, Xornal.Vigo.org, o diario do Concello, publicaba o seguinte texto: «No mes de xaneiro arrancarán as obras para converter o chamado cruce de Peniche nunha praza, a da Aperta, deseñada polo artista Antón Pulido».

Fortes críticas

As primeiras voces críticas xorden do propio Concello. Concretamente, do Servizo de Normalización Lingüística, onde non están de acordo coa decisión. «Non queremos que un topónimo único quede confinado nunha escalinata. A praza debe manterse como Peniche», quéixanse fontes do servizo.

Agregan que esta decisión do Goberno de Caballero «contravén o acordo plenario do 2004, que obriga a defender os nomes históricos nos espazos públicos, recuperar topónimos e facer que non desaparezan». Ademais, entenden que se o Concello está a traballar na recuperación da toponimia nas parroquias, «non debería desfacer o andado no centro de Vigo».

O caso Peniche está a desencadear unha auténtica treboada no eido académico. «Unha pequena escalinata de metro e medio de ancho non é o sitio axeitado para confinar un topónimo único en España. É algo indigno», oféndese Xosé Henrique Costas, profesor de Dialectoloxía na Universidade de Vigo.

En canto tivo coñecemento da decisión do Concello, a institución barallou a posibilidade de nomear como Campus de Peniche a parte que coincide coa zona que históricamente levaba ese nome, onde hai algunha escola, aínda que desistiuse pola imposibilidade administrativa de fragmentar o campus.

Pero vaise facer «outra cousa interesante», detalla Costas: «Tódolos sobres, follas e documentos oficiais da web que procedan desa parte do Campus levarán debaixo do enderezo a referencia Peniche, Vigo. Deste xeito dámoslle visibilidade ao topónimo».

Dende a Real Academia Galega xorden tamén voces críticas. «Temos unha riqueza toponímica excepcional e non pode minimizarse un nome único por unha intervención urbanística», lamenta Gonzalo Navaza, académico correspondente da Real Academia Galega (RAG). O tema de Peniche, continúa Navaza, «tratouse na Sección de Onomástica da RAG e propúxose levalo ao pleno para que se emita un ditame e remitilo ao Concello».

Navaza fala, no caso de Galicia, «dun tesouro de incalculable valor», dun «patrimonio inmaterial posto en valor pola Unesco», e lembra que «máis do 80 % dos topónimos da nosa comunidade rexistrados no Catastro de Ensenada, que é do ano 1749, seguen existindo, polo que teñen máis de dous séculos e medio. E topónimos de máis de dous mil anos témolos a esgalla».

O problema agora é que os que están desaparecendo «son os informantes vivos», polo que Navaza formula «a necesidade urxente de continuar co traballo iniciado no 2004 pola sección de Onomástica da RAG», coa intención de censar o conxunto microtoponímico de Galicia, unha tarefa inxente pero a todas luces «moi necesaria».