Alfonso Zarauza: «"Os fenómenos" é unha película que fala dos perdedores da crise»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MARCOS CREO

A cinta do director galego, con Lola Dueñas e Luís Tosar, chega hoxe ás salas

12 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe chega aos cines Os fenómenos, a nova película de Alfonso Zarauza (Santiago, 1973) e na que o director propón unha ollada non exenta de humor á crise nacida tralo estoupido da chamada burbulla do ladrillo. O filme está protagonizado por Lola Dueñas, que encarna a unha muller que vive en Almería nunha furgoneta co seu fillo e a súa parella, Lobo, interpretado por Luís Tosar. Cando Lobo lisca, Neneta, como é coñecida, regresará á súa Galicia natal a empezar a súa vida de novo. O seu novo traballo será no mundo da construción cunha cuadrilla, os fenómenos que dan título á película. Miguel De Lira, Morris, Juan Carlos Vellido, Ledicia Sola, Xosé Touriñán ou Gonzalo Uriarte, entre outros, completan o reparto desta produción de Zirzozine e Maruxiña.

-É raro ver unha muller na construción como obreira e non como técnica. ¿Que lle ofrecía ese punto de vista como director?

-Eliximos ese punto de vista feminino por dúas razóns. A primeira, que a protagonista fose unha muller nun mundo tan de homes e no que hai moito machismo lle daba máis complexidade á película. E segundo, o personaxe funciona como unha alegoría ou metáfora da sociedade española nese contexto: alguén que supera dificultades, que lle empezan a ir ben as cousas para logo verse atrapada na crise. Alguén que se sinte estafada, enganada.

-¿Nese sentido, o filme pode axudar a vencer prexuízos?

-É bo que vaian caendo eses tópicos e se derruben prexuízos. A integración dunha muller en calquera ámbito sempre é un plus porque a ollada feminina é importante. É necesario para unha sociedade madura avanzar nestas cuestións e asumilas.

-A protagonista encarna primeiro as expectativas desmesuradas da burbulla e o desengano posterior. ¿E os que causaron tal dano?

-Esa xente, a dos despachos, está reflectida dun xeito implícito. Queriamos centrar o filme nos perdedores da crise. Por que aquí houbo quen saíu ben parado e quen saíu mal parado. Na película hai unha imaxe dunha reunión nun restaurante na que coinciden o banqueiro, o construtor e o político, os responsables disto. Pero é unha imaxe fugaz, que está implícita, porque non queriamos facer unha historia panfletaria.

-Esta semana publicouse que Inglaterra ofrece salarios de 1.200 euros semanais a albaneis españois e portugueses. A emigración é outra das consecuencias...

-É atroz. É un problema político importantísimo. Seguimos perdendo poboación, cada vez hai máis envellecemento, un problema enorme precisamente porque os políticos son curtopracistas e isto necesita de solucións que vaian máis alá porque cada vez será máis grave.

-«Encallados», a súa anterior película, falaba das dificultades de facer cine. Agora que celebramos os 25 anos da estrea das primeiras longametraxes galegas, ¿en que momento nos atopamos?

-Vivimos un marabilloso momento creativo, coa aparición do Novo Cinema Galego, cineastas emerxentes, valentes. Temos os medios técnicos, directores cunha ollada propia e actores como Miguel De Lira ou Morris que están na madurez da súa carreira. A boa acollida de A esmorga tamén demostra que o cine galego pode ser un éxito de público. Pero teño a sensación de que isto funciona por inercia. Os que rexen as políticas culturais nin cren no país nin cren na cultura, son continuistas, as axudas son as xustas... Pero non hai país economicamente poderoso que non teña tamén unha cultura forte.