O incendio que afectou ao parque natural das Fragas do Eume ten que ser motivo de profunda reflexión. Por qué arderon as fragas? Unha primeira resposta a esta pregunta semella evidente: porque alguén, por enfermidade mental ou simple malicia, lles plantou lume. Isto está claro. Pero indo un pouco máis aló, hai que analizar como se propagou o incendio. Por una banda, aproximadamente a metade da superficie queimada correspondeuse con áreas de mato, que logo de moitos meses de padecer una seca extrema convertéronse nun auténtico caldo de cultivo para o lume. Abondou con arrimarlle un misto para que arderan sen control.
Pero o caso das fragas é distinto. Unha fraga madura e ben conservada simplemente non arde, ou arde moi mal. Non hai máis que achegarse ao parque e mirar con detalle qué se calcinou e qué non. Os eucaliptos permiten penetrar boa parte da luz solar, polo que baixo eles desenvólvese un mato mesto e de porte medio-alto de fentos, silvas, xestas e toxos, estes últimos cun elevado poder calorífico. Resultado: o lume aquí é moi intenso e elévase moito, queimando as árbores desde a base ata as copas. Na fraga, pola contra, o dosel arbóreo é moito máis mesto, polo que penetra menos luz, o solo retén mellor a humidade e o mato que se desenvolve é moito menos denso, á vez que está formado basicamente por herbáceas de escaso poder calorífico. Resultado: o lume na fraga espállase de maneira máis rastreira e en raras ocasión chega a afectar de xeito dramático ás árbores.
¿Pero que pasa se, como no caso do parque natural, a fraga está interrompida por innumerables plantacións de eucaliptos? Pois que estas convértense en auténticos corredores polos que o lume se propaga como a pólvora e afecta entón, por unha cuestión de mera veciñanza, ás fragas adxacentes. Estou en situación de afirmar que desde a creación do parque a superficie ocupada polo eucalipto, lonxe de diminuír, está como mínimo estancada. Na miña opinión, vai sendo hora xa de que os responsables da xestión do parque se poñan mans á obra. Sen presa pero sen pausa, hai que erradicar os eucaliptos no parque. Máis aló dunha cuestión paisaxística, que tamén é importante, se algo nos ensinou este incendio é que a interrupción do manto verde-claro das fragas, polos parches verde-escuros dos eucaliptos, é un risco innecesario e inasumible ante un incendio de grandes dimensións.
Unha vez que o dano xa está feito, aplicar medidas correctoras, como a sementeira de gramíneas para evitar a erosión dos solos, pode estar ben, tendo moi en conta que, onde e como se sementa. Pero mentres non se tome en serio a loita contra o eucalipto, seguiremos dando as costas ao principal problema de conservación desta auténtica xoia que son as fragas do Eume.