O Día Internacional da Nena trouxo ás páxinas dos xornais casos arrepiantes. Destaco dous. O da nepalí Bishnu Chaudhary. Aos nove anos foi entregada a cambio dun préstamo a outra familia como escrava doméstica. Recibía quince euros anuais, traballaba sen descanso todos os días, e moitas veces ía á cama sen comer nin cear. Rescatada por unha ONG consigue aos once anos asistir á escola, pese á oposición do pai, que pensa que as nenas non teñen que estudar. Hoxe ten dezanove, vai estudar para «ser avogada e defender ás mulleres». Os pais séntense orgullosos dela.
O outro caso é o de Malala Yusufzai, a rapaza paquistaní de catorce anos que foi tiroteada polos talibáns por defender o dereito das nenas a estudar. Filla de mestres, os pais apoiárona para realizar o seu soño de ser médico. Dende os once escribía un blog que chamou a atención da BBC en urdu, a lingua nacional de Paquistán. A partir dese momento comezou a recibir ameazas por parte dos talibáns. Malia o medo, seguiu asistindo á escola, ata que unha bala detivo o seu camiño cara á liberdade. Hoxe, por fortuna, está fóra de perigo.
Malala e Bishnu son símbolos da loita secular das mulleres para ser recoñecidas como seres humanos de pleno dereito. Para alcanzar ese estatus a educación é indispensable. A situación de escravitude que padecen miles de mulleres aséntase sobre a ignorancia que as converte en vítimas de todas as inxustizas, e tamén, non o esquezamos, sobre a tolerancia do mundo occidental, que tende a ollar para outro lado.