Fina Casalderrey

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

20 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

E n galego as árbores son femininas. Sobre todo as froiteiras. Pero tamén as patrucias. Cando o carballo se axiganta, dicimos carballa. E sobreira, maceira, cerdeira, laranxeira? Fina Casalderrey ten as raíces á beira do Lérez e trae a luz da ría nos ollos. Vina medrar, compañeiros que somos dun tempo. Viña facerse de vagariño, coa humildade do traballo miúdo, mestra na aldea, mestra na vila despois, comprometida cos movementos activos de renovación pedagóxica a prol da incorporación do galego ás escolas (e ás familias) que tanto nos ilusionou sobre todo na década dos oitenta, se cadra sen o protagonismo de primeira liña, mais coa teimosía, a intelixencia, a xenerosidade e a constancia que caracteriza ese corpo fundamental para o futuro de calquera sociedade: o maxisterio de base. Que llelo pregunten aos seus alumnos e alumnas de Moraña ou de Marín. Vina facerse tamén como escritora, e como exploradora da cultura popular, incluída a cociña, sempre na compaña de Mariano. Non o disimulo e díxeno nalgún outro sitio: son os meus irmáns. Por iso celebro con especial afecto a decisión que tomamos onte na Real Academia Galega de incorporala á nosa corporación.

As crónicas falan da entrada dunha nova muller na RAG, onde certamente non abondan. Trátase dunha asignatura pendente que se está a corrixir e da cal os académicos somos moi conscientes. A presenza feminina no mundo das letras e da intelixencia activa de Galicia nos últimos tempos é un feito histórico que compre salientar, proba indiscutible da entrada na modernidade. Esta lingua nosa ten unha bandeira fundacional que nos caracteriza e nos singulariza entre as culturas do mundo: Rosalía de Castro.

Mais con Fina Casalderrey, ademais de muller e señora, entra na academia algo máis, outra materia que tamén tiñamos pendente: o pulo formidable da literatura infantil e xuvenil (LIX), a creación literaria pensada e orientada cara aos lectores máis novos, fenómeno que a partir dos anos oitenta produciu obras de primeirísimo nivel celebradas non só entre nós senón alén das nosas fronteiras. Con Fina Casalderrey dalgunha maneira entra na RAG o vento mareiro de Agustín Fernández Paz, Paco Martín, Xavier Docampo, Francisco Castro, Neira Cruz, María Victoria Moreno (que xa non está entre nós), Gloria Sánchez, Antonio María Teixeiro, Breogán Riveiro, Úrsula Heinze, Marilar Aleixandre, Helena Villar Janeiro, Pepe Carballude, An Alfaya, Concha Blanco (estou a citar de memoria), un exército de homes e mulleres (cunha presenza moi importante de mulleres) que ao longo destas tres últimas décadas foron construíndo un dos corpus máis sobranceiros do noso sistema literario. Pensando sobre todo nos máis novos. Facer lectores e lectoras. Encher o mundo de palabras nosas para as novas xeracións, que como di moi ben o editor Manuel Bragado son o noso escudo, a gran aposta da esperanza. Os mariñeiros das rías chaman airexa (ou airexiña) ao vento da esperanza, que trae o alento do mar para volver a terra. Airexiña de marasote, din eles. Pois iso.