Fallan os recursos, non os mecanismos

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

16 may 2013 . Actualizado a las 13:59 h.

Esta semana, o físico galego Diego Martínez Santos foi foco de interese informativo: concedéuselle o premio da Sociedade Europea de Física na categoría de mellor investigador menor de 35 anos na rama experimental en física de altas enerxías. Un mérito espectacular, maior se cabe se temos en conta que se outorga unha vez cada dous anos e que o consegue con notable precocidade (aos 30 anos, demostrando estar por riba do nivel dos investigadores da súa idade). Un indicador, tamén, da excelencia do grupo de investigación do que procede e da formación dos físicos de Galicia. O interese informativo multiplicouse porque, ao mesmo tempo, non foi contratado polo programa Ramón y Cajal, o programa español de captación de talentos mozos, disparando a voz de alarma: «Hai un problema». Ben, pois creo que cómpre un clarexamento: o problema non está no mecanismo de selección, por se alguén quere ver un mal funcionamento da comisión avaliadora, ¡na que estivo un dos seus codirectores de tese! (segundo vexo na web do ministerio). Estou seguro de que nin o mesmo afectado lle discute o posto aos que foron contratados, máxime se temos en conta que a pelexa tivo un plus de dureza por acumular candidatos durante máis dun ano (por mor de retrasos na convocatoria). Cómpre tamén lembrar que a este programa se poden presentar persoas ata 10 anos despois de remataren a súa tese: ou sexa, pode haber competindo xente de case 40 anos, que leva no lombo varias estadías postdoutorais e que acredita uns currículos espectaculares. ¿Onde está, pois, o problema? No número de prazas dispoñibles, que se contan cos dedos dunha man. Créanme: os contratados polo programa Ramón y Cajal na área de física son persoas da máxima categoría e están ben seleccionadas, o malo é non poder seleccionar máis.