Benia á Real Academia Galega -no seu conxunto, nos que o votaron e nos que non- porque acaba de facer xustiza poética con Xosé María Díaz Castro. O homenaxeado nas próximas letras patrias naceu en 1914 no Vilariño, parroquia dos Vilares de Parga, Guitiriz. Fillo de labregos, terceiro de catro irmaus, foi á escola en zocas e axiña gañou sona de agudo e aplicado. Con quince feitos ingresou no Seminario de Mondoñedo, onde coñeceu a Aquilino Iglesia Alvariño, un lustro máis vello e a quen tería sempre por mestre e amigo certo. Publicou daquela o primeiro poema -en castelán, na revista Lluvia de rosas de Tarragona-, foi compondo un par de cadernos, Follas verdes e Follas ó vento, perdidos segundo contaba, e dirixiu unha revista «manuscrita, na que colaboraban varios compañeiros». En 1936 é chamado a filas, pola súa quinta, e logo dunha durísima participación na fronte de Asturias, pasou a guerra no Hospital Militar de Pontevedra. No 39, tras unha fonda crise espiritual, volta ó Seminario, abandonándoo de contado. Escríbelle a Aquilino e incorpórase como docente ó León XIII de Vilagarcía, colexio dirixido polo de Abadín. En 1946 acada, nos Xogos Florais de Betanzos, a flor natural por El cántico de la ciudad e mailo premio en galego por Nascida d?un soño. Cursa Filosofía e Letras e, no 48, asenta en Madrid. Alí estuda idiomas e traballa como tradutor, sucesivamente, no Ministerio de la Gobernación, Instituto de Cultura Hispánica e Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Colaborador de Alba, a solicitude de Paco del Riego, envía textos para o IV volume da Escolma. Por fin, no 61, sae do prelo de Galaxia Nimbos, luz imprescindible, cume da poesía. Verqueu -ó castelán e ó galego- a Rilke, Yeats, Whitman, Chesterton? e fixo crítica en La estafeta literaria e Ínsula. Escribinlle en 1981 co prego dun poema para Dorna, respostoume adxuntando tres inéditos. Fomos moi bos amigos ó longo da súa derradeira década. Conservo, entre outros papeis, as galeradas da segunda edición de Nimbos (1982), corrixidas do seu puño e letra. É a que vale. Entrañable, nada solemne nin finchado, sabía o que valía, gababa pouco, calaba moito. Atrévome a propor, inimigo como Díaz Castro era da literatura nunha lingua cha, acastrapada, que o 2014 sexa o Ano da Calidade.