A política é outra cousa

OPINIÓN

21 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O primeiro que sorprende da política española é que non se fai política. Aínda máis: case toda a actividade dos nosos políticos -o de nosos é un dicir- é a negación mesma da política. Nin grandeza -diso xa non se fala-, nin nada que se asemelle ao que é o fin de toda actividade política: procurar o equilibrio de intereses contrapostos.

O paradigma de tan desavida actitude é a relación do Goberno con Cataluña: non se ve que este faga outra cousa que furgar no nesporeiro, alporizar máis cada día á xente, negar as evidencias ou recorrer a saídas de rábulas de aldea, como que a CE non permite unha consulta democrática, que se limitan a acatar as leis, que nos poñamos a rebaixar o déficit, que é o importante, e outras babecadas máis propias de escolares que de políticos.

Se a CE impide consultas democráticas o primeiro que haberá que facer é modificala, e xa; se certas leis xa non serven, o que procede é ditar axiña outras; por moi importante que sexa rebaixar o déficit -o que non é certo-, máis importante é a concordia, o equilibrio dos intereses contrapostos, isto é, a política.

Tan manifesta incompetencia -o exposto é só unha mostra da inmensa torpeza e frivolidade dos nosos gobernantes- está creando xa desequilibrios preocupantes pola incapacidade de comprender realidades distintas que requiren tratamentos adecuados. Non entender isto pode ter -está tendo xa- moi graves consecuencias para un futuro inmediato.

Se a este problema concreto lle engadimos os que está creando a pobreza -a miseria xa en moitos casos-, a estúpida política da austeridade, o paro e o alporizamento xeral da xente, e a destrución da sanidade e do ensino, concordaremos en que a situación pode ser de estoupido xeral. E o Goberno nin se decata.