¿Linguas de prestixio?

María Canosa< / span> PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

11 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Volvo insistir nisto da lingua. Ultimamente non facemos máis que levar labazadas, e das gordas. Despois de saber que as bolsas de doutoramento deberan ser traducidas ao castelán (ou inglés), agora o CSIC tamén ten problemas coa nosa lingua. É o que pasa ao andar fozando na terra, que saen todos os furados á luz.

A entidade di que os seus Cuadernos de Estudios Gallegos Padre Sarmiento é a mellor revista científica que existe en Galicia, por iso non deberan traducir o título da publicación, sería como cambialo completamente e perder o prestixio de ser a revista máis veterana no ámbito das humanidades galegas. Un risco imperdoable. ¡Isto só ao falar do título, pois xa nin contemplan escribir o contido en galego! Percorreume un arreguizo que aínda non puiden espelir do corpo.

Arreguizo. Espelir. Vai ter razón o meu amigo cando di que os nenos que están a medrar nunca utilizarán cadullo, arrebolar, cenceno, esqueiro, arró, borralla, polaina? Teño medo que quede curto e non saiban dicir unha palabra en galego porque descoñezan esta lingua de noso.

Na entrevista a Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, director da publicación, ponse de manifesto unha realidade preocupante. Asegura non poder cambiar o título ao galego porque é un problema na sociedade na que vivimos hoxe. Certo. Temos un problema coa lingua. Moi grande. Casos coma este póñeno de manifesto.

Cadernos de estudos galegos, si, pero en castelán.

A Administración... non nos protexe. Insisto en que, alén das leis, hai actitudes.