Xestión clínica, un xeito de cambiar mentalidades

Fernando Diz-Lois TRIBUNA

OPINIÓN

13 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Todo cambio xera reticencias, pero no medio de toda esta tormenta de manifestacións e actitudes sobre a asistencia sanitaria, non parecemos darnos conta de que os tempos cambian e é necesario adiantarse a posibles conflitos. O problema global da crise afecta á sanidade. Os recursos son limitados, e o que un utiliza mal, ou gasta en exceso outro non o pode utilizar. O gasto sanitario é algo limitado, a nivel macroeconómico constitúe unha porcentaxe do produto interior bruto, pero hai que ter en conta que máis da metade deste produto utilízase para pagar unha débeda que provén dun gasto global excesivo previo.

Así pois o gasto sanitario medido en porcentaxe de produto interior «bruto neto» (descontado o destinado a pagar intereses de débeda) é bastante máis do que se manexa. Tamén hai que ter en conta que o que se gasta en sanidade non se pode gastar noutros conceptos, algúns, como a educación, tan importantes ou máis, xa que a saúde depende tamén do nivel cultural dunha poboación, e a cultura ademais é necesaria - eu diría que imprescindible- para formar un sociedade máis xusta, á fin e ao cabo o individuo conforma a sociedade na que vive. Así pois, é necesario xustificar moi ben todo o que se gasta en sanidade, e sobre todo evitar gasto superfluo.

A nivel meso-económico, dependente da Administración sanitaria, é desexable potenciar a centralización de servizos (máis capaces e eficientes), a atención primaria (base da atención), a atención urxente (a que salva vidas), e os programas pediátricos, da muller e de enfermos crónicos. Pero hai que ter en conta que gran parte do gasto realízase a pé de cama ou da consulta, e niso ten que ver o médico e a enfermeira. A estrutura actual non discrimina ben entre o que é gasto necesario e non necesario por parte do profesional. Se a sanidade pública non quere perder calidade debe realizar cambios, sempre é tempo de innovacións, e agora máis que nunca.

A xestión clínica é un xeito de facelo, cambiar a mentalidade do profesional para que antes de pedir unha proba ou administrar un fármaco pense na verdadeira necesitade de facelo, tendo en conta o contexto do paciente e as guías de práctica clínica.

A xestión clínica é algo que os bos profesionais xa realizan, xestionan as súas horas de consulta evitando citas innecesarias, as súas horas de quirófano tratando de aproveitalas na medida do posible (como cando fan tardes para sacar o traballo adiante), etc. A xestión clínica trata de xeneralizar esta actitude, pero ademais engade outro factor que é real pero que o profesional non sempre ten en conta: que o seu orzamento é limitado e que ten que utilizalo de forma eficiente.

Porque, como todo o que é común, se alguén o utiliza mal redunda en prexuízo para todos, o que se emprega en algo non necesario non se pode utilizar noutro asunto necesario que daquela quedará sen facer. Esta actitude de eficiencia, de concepto de gasto necesario pero non máis do imprescindible na atención ao enfermo, é algo que se non se producen cambios estruturais, non vai ser posible conseguir. As penalizacións e as boas palabras non son eficaces para iso. Os que se opoñen frontalmente a novas medidas, como pode ser a xestión clínica dentro do sistema público, terían que propoñer algunha outra alternativa.

Fernando Diz-Lois é médico.