No asunto do referendo catalán está a producirse unha situación paradóxica. A xulgar polo que se oe nas tertulias e se le nos xornais, unha gran maioría está en contra da independencia de Cataluña por múltiples razóns. Pero esa mesma xente , ou gran parte dela, opina que «hai que negociar» e acusa ao Goberno de intransixencia, de «falta de cintura» e de estar unha vez máis impoñendo a súa maioría. Chégase así á contradición de condenar a independencia e defender o dereito a un referendo encamiñado a conseguir esa independencia.
Hai que recoñecer que os independentistas cataláns tiveron unha gran habilidade neste asunto porque o que agora plantean ao Goberno non é directamente a independencia, senón o dereito do pobo a expoñer libremente a súa opinión; dereito que todos tendemos a considerar inalienable.
O que debería quedar claro é que unha cousa é o dereito a opinar ou desexar (que se manifesta en enquisas) e outra é o dereito a decidir (que se manifesta en referendos). Os veciños do quinto poden opinar que nesta finca gástase demasiado en calefacción e desexarían que non fose así, pero non poden decidir non pagala, porque o seu piso é parte inseparable da comunidade.
Sería desexable que os que consideran que hai que negociar deixasen de marear a perdiz e concretasen que é o que queren negociar.