Un ano vizoso para a cultura galega

Anxo Lorenzo Suárez SECRETARIO XERAL DE CULTURA

OPINIÓN

02 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O ano 2013 foi vizoso para a cultura galega, que viu como creadores e proxectos foron obxecto de celebración colectiva. A actividade escénica ocupou un lugar central, ao ser Roberto Vidal Bolaño o autor a quen a Real Academia Galega lle dedicou acertadamente o Día das Letras Galegas, o que propiciou unha ampla programación arredor da súa figura e obra. Ademais, cumpríronse 40 anos desde que en Ribadavia prendeu a candea do novo teatro galego da man da Asociación Cultural Abrente, iniciativa que segue viva e dinámica a través da mostra internacional. Os 150 anos da publicación dun poemario clave para a revitalización da cultura galega, Cantares gallegos, lembraron que Rosalía de Castro lle deu un lugar á voz herdada, á palabra decantada colectivamente durante séculos na sociedade galega. Francisco Fernández del Riego, no centenario do seu nacemento, levounos a actualizar o seu labor titánico como emprendedor e divulgador da cultura e lingua galegas nos momentos difíciles da ditadura. E tamén a creación galega recibiu un xusto recoñecemento nos premios nacionais deste ano: Luz Casal, na modalidade de músicas actuais; Miguelanxo Prado, na de cómic; e Manuel Álvarez Torneiro e José María Merino, na de poesía e narrativa, respectivamente.

Arredor destes nomes e proxectos sumámonos, desde as diversas institucións e entidades encargadas de alentar a difusión cultural dentro e fóra de Galicia, para contribuír na construción dese esforzo colectivo que chamamos cultura galega. Recoñecementos, premios e celebracións que singularizan un espazo cultural galego denso e diverso, caracterizado por unha actividade cultural que non se detén, como son bos exemplos o Culturgal ou as feiras do libro de Galicia. E que chega a todos os recantos do país, que flúe en todas as direccións mediante unha sociedade civil activa, implicada e participativa. Con equipamentos bibliotecarios, museísticos e arquivísticos cunha demanda social crecente; con proxectos de dimensión internacional, como MICAtlántica ou a participación de Galicia nas principais feiras internacionais do libro; con iniciativas cara á industria cultural, como a feira profesional das artes escénicas (Galicia Escena PRO) ou as axudas á produción e desenvolvemento audiovisual; e con iniciativas como a biblioteca dixital galega, Galiciana.

Tamén foi este un ano en que persisten dificultades e retos: para os diferentes sectores da cultura, que teñen limitacións de financiamento e están a recompoñerse para afrontar o novo escenario socioeconómico; para as Administracións, que seguen a axustar orzamentos en que se priorice o mantemento dos equipamentos culturais básicos e das principais convocatorias e programas; e para a sociedade e familias, que teñen menos capacidade de gasto (tamén en cultura) e que agora deben colaborar máis activamente no seu financiamento.

Todos temos unha fonda preocupación polas repercusións que a situación socioeconómica pode ter na consolidación dos proxectos culturais. Os modelos de financiamento, o reto dixital, a piratería ou a suba do IVE nalgúns produtos culturais son todos eles desafíos de enorme magnitude que forman parte dunha axenda cultural para o 2014 que pasa, sen dúbida, pola formulación de políticas culturais públicas que sigan a garantir o acceso á cultura da cidadanía, a contribución á cohesión social e territorial, e que ademais afortalen o tecido produtivo e o emprego desde e na industria cultura galega.

Pero tamén temos o convencemento de que os valores creativos non minguaron neste tempo; ao contrario, somos sabedores de que non falta talento, creatividade e proxectos compartidos e de que hai semente para espazos novos no ámbito cultural. O noso feito cultural, desenvolvido sobre o que recibimos dos devanceiros, é cemento para a construción da nosa forza colectiva, para a nosa cohesión social, pero tamén para a nosa estima, para a proxección no mundo, para a nosa identificación. A cultura é ferramenta para o diálogo, co pasado e co presente, entre nós e o mundo, é ponte sólida de valores para crear, compartir, construír, coñecer e relacionarnos. Por iso, convén lembrar que nestas décadas de Gobernos democráticos produciuse un avance considerable na xestión e na difusión da cultura. O conxunto de equipamentos culturais e as actividades que neles se xeran, desde as casas da cultura das vilas máis pequenas ata o Gaiás, son espazos para a proxección desta tarefa colectiva de construción cultural.

Os Premios da Cultura Galega, recentemente entregados, son unha mostra desa construción colectiva. Aí quedou recoñecida a excelencia de propostas individuais nos diferentes ámbitos, pero está tamén o traballo colectivo a prol da cultura desenvolvido desde diversas instancias. Os bidueiros que arrouparon o escenario este ano son unha metáfora desa fertilidade creativa de Galicia, nacida da terra e alimentada polas raíces. E son mostra tamén da forza do conxunto, da potencia desa construción colectiva. Porque a cultura é un activo para a nosa forza social e tamén para a economía e a riqueza do país.