Tres alcaldes por un en tres anos. Alguén cometeu un erro continuado ou varios erros consecutivos. Non foron os cidadáns de Santiago, tampouco os votantes que non votaron ao PP. Tampouco, e isto vai contracorrente, os que votaron ao PP. Os votantes non elixen ao cabeza de lista nin ao resto de candidatos, nin ás directivas dos partidos no nivel municipal ou galego, nin ao presidente do PP. Foi a dirección do PP quen errou hai tres anos -as razóns eran un segredo pouco secreto axiña confirmado- e dende hai dous errou consecutivamente deixando que todo fora a peor. Ata chegar a isto. Non foron os votantes. Non errou menos o alcalde agora dimitido, que esqueceu que a responsabilidade do cargo é o principio primeiro da política e que, en contra de todo decoro, cede o cargo pero intenta seguir de concelleiro. Errou tamén quen lles explicou a consigna de que cómpre aparentar normalidade diante da adversidade. Terán que mudar de mestres.
Culpar aos cidadáns dos erros políticos dos partidos é un lugar común no que coinciden a dereita e esquerda, moralistas, arbitristas e analistas. Os votantes do PP teñen o mérito de ter ideas, intereses, hábito, tradición ou afección polo seu partido. Senten as cores e apóiano contra vento e marea, como outros senten as da súa equipa de fútbol. Son auténticos seareiros da democracia. Si. Participan nas eleccións, apoian aos candidatos, collen as súas papeletas -ou danllas e úsanas- e votan continuadamente coa esperanza de que gañen os deles, confirmada as máis das veces unhas eleccións con outras. Votan ao poder e a quen gaña pero quen pense que todo é acarrexo -tamén existe- e amable presión -tamén- ten que revisar a historia electoral dos últimos 33 anos ou ollar arredor de si. A todas as fozas conservadoras do mundo vótanas os seus votantes pola mesma razón: para conservar, garantir estabilidade, evitar sobresaltos e cambios bruscos, para que todo siga igual porque está ben así, como moito aceptan cambiar aos poucos... sempre a mellor.
En Santiago, metáfora doutros concellos, chegamos xa ao terceiro alcalde por dimisión de dous sucesivos, imputados en sucesivos affaires xudiciais. Perdemos a conta dos concelleiros dimitidos pola mesma razón. Dos trece da lista elixida polos cidadáns hai tres anos só quedan dous e unha das substitutas tamén tivo que dimitir. Si, xa sei, estamos aborrecidos, perdemos a conta e a sensibilidade a cada información, a cada caso novo, a cada imputación, a cada dimisión. Isto aborrece a calquera afección e prepáraa para facerlle caso a calquera adestrador cantamañanas que asegure que vai devolvernos a dignidade. Non é a primeira vez que pasa nin será a última. Santiago está avergoñado, cunha vergoña que se ve polas rúas, da igual que sexan os do PP ou os seus contrarios. E o último episodio é de todo menos decente. A dimisión feita a tempo cura a vergoña. Tardaron de mais. A pregunta inevitable é por que erraron tanto. Chegados a este punto xa non é só un asunto de imputacións por corrupción, prevaricación, acoso laboral, tráfico de influencias ou o que non está tipificado. É un asunto de impericia política, de estulticia, de fatismo, que non de fanatismo. Non son fanáticos, son fatos. E non falo dos votantes.