O 15 de outubro de 1975 Franco foi tratado polo doutor Pozuelo dun infarto silente, pero, contra a opinión do médico, o 17 presidiu o Consello de Ministros. O 20 terá outro infarto, o 23 empeora, e o 26 o bispo de Zaragoza lévalle o manto da Virxe do Pilar. O 3 de novembro, Franco comenta ao médico:
-Qué duro es esto, doctor. Déjenlo ya.
Sen tempo a trasladalo a un hospital, o doutor Hidalgo opérao no Pardo, nun quirófano improvisado, cheo de trastos e de po. O marqués de Villaverde faille fotos, entubado, que chegarán á prensa. O 5, Hidalgo opérao na Cidade Sanitaria e quítalle tres cuartas partes do estómago. O 15 sofre unha peritonite, Hidalgo opérao por terceira vez, e o 18 négase a facer a cuarta. Franco morre o 20, despois de dous meses e oito días de agonía.
Arias Navarro comparece en TVE, dá a noticia, le o testamento político do Caudillo, emociónase e chora. Miguel Ángel Aguilar conta que as tomas foron malas e houbo que repetilas, pero Arias volveu emocionarse e chorar.
O remate do esperpento púxoo o doutor Juan Abarca, afirmando no libro Cinco litros de sangre, que Franco podería superar a doenza, nun 97 % de posibilidades, «de haber actuado bien el equipo que le operó».