Os valores de Filgueira

Carlos G. Reigosa
Carlos G. Reigosa QUERIDO MUNDO

OPINIÓN

18 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Pois si, gústame ser dun país de valentes que, ao parecer, non dubidarían en acudir como testemuñas a favor de Alexandre Bóveda no consello de guerra que o condenou a morte en agosto de 1936. Teño que dicir, con coñecemento de causa, que eu lamentablemente figuraría, con Xosé Filgueira Valverde e con moitos outros, entre os que non foron declarar. Estudei abondo esa época para saber o risco e a barbarie que a caracterizou. Bóveda non tiña salvación, porque xa estaba sentenciado antes de ser xulgado, algo do que non queren falar agora os máis valentes, porque: ¿Onde estaba escrito que ía ser así? Mais o certo é que estaba escrito e nin o tribunal podía cambialo. Non pensaba eu entrar neste absurdo debate, pero a insistencia dalgúns en manifestar o seu descoñecemento dunha realidade dramática -para darlle no lombo a Filgueira Valverde- empúrrame a escribir estas liñas. Entrevistei xente sobre a guerra e a posguerra en moitos concellos galegos e en todos descubrin a face paralizante do medo. Todos quixeran ir declarar a favor dun pobre acusado, pero ao cabo case ninguén comparecera. Unha enxurrada de asasinatos, palizas e ameazas na contorna acababan coa enteireza dos máis rexos. E cando chegaba o xuizo, a vítima estaba soa e indefensa. Poño un caso que coñezo ben. Refírome a un xuizo de Mondoñedo, que se celebrou na Coruña con peticións de pena de morte (1938). Familiares dos encausados foron casa por casa pedindo un testemuño favorable. Moitos vecinos dixeron querer dalo, pero, cando chegou a hora da verdade, só tres tiveron o valor de facelo: un párroco, un falanxista e unha muller. Pois ben, eu sei que non teño a enteireza destas persoas que ousaron afrontar as ameazas. Sobre outros aspectos do chamado caso Filgueira e o valor da súa aportación cultural, suscribo o escrito neste xornal por Xosé Luís Franco Grande, un intelectual íntegro e profundo ao que respecto e admiro, mesmo cando non coincido con el. É un modelo do pensador que pensa de verdade e non se somete ás badocadas políticas de moda. Relean o que escribiu sobre isto. Paga a pena, porque ilustra.