A bordo a grata tarefa da redacción deste artigo con motivo do Día Europeo das Linguas ao tempo que achego por correo electrónico os últimos apuntamentos ao programa do acto conmemorativo do décimo aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) que o Parlamento de Galicia está a organizar dende hai semanas. Participa no deseño e desenvolvemento desta efeméride o Foro Enrique Peinador, o cal, como é ben coñecido, aglutina un nutrido grupo de empresarias e empresarios de variados sectores produtivos de toda Galicia. Agárdase, xa que logo, que o día desta celebración, o vindeiro 23 de outubro, estean presentes no Parlamento de Galicia unha rica representación do ámbito económico e empresarial festexando a aparición hai dez anos no mapa social de Galicia deste documento que tiña e ten como obxectivo crear as condicións idóneas que lle aseguren á lingua galega outras mil vigorosas primaveras máis.
Traio aquí este feito porque creo que resulta unha referencia oportuna que nos fala ben ás claras tanto dos logros que lle convén atribuír ao PXNLG como da vixencia deste no momento presente. Grazas a este documento marco, que sempre careceu de natureza normativa, foi posible introducir, na política lingüística de Galicia, dous motores de cambio que permaneceran case inéditos ata o momento da súa aprobación: era primordial crear na sociedade actitudes positivas cara á lingua galega e ademais debíase traballar na tarefa de transformar esta lingua milenaria aínda de uso común no século XX en ferramenta útil de comunicación para o século XXI.
Este foi o espírito que herdou o actual Goberno da Xunta e ao que lle está a dar continuidade de forma fiel dende hai 6 anos despois de que durante o Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG se rompese o tan valioso consenso a raíz da aprobación do Decreto 124/2007 sobre o uso e a promoción do galego no sistema educativo, o que debilitou os elementos que fixeran do PXNLG un proxecto abrazado por todos.
Neste senso, pódese afirmar que o Goberno da Xunta actual está a facer unha política lingüística de restitución do espírito de consenso social que fixo posible no 2004 a aprobación parlamentaria do PXNLG pola decisión unánime dos grupos políticos que naquela altura tiñan representación no Parlamento de Galicia. Así, dende o 2009 estase a traballar para que, dende sensibilidades diversas e mesmo dende puntos de vista distantes, se poidan establecer prioridades de distinto grao, pero sempre tendo como horizonte a promoción e traballo a prol da lingua propia de Galicia. Isto está a facer posible que o galego estea en ámbitos moi operativos en termos de presenza efectiva: economía, xustiza, sanidade, xuventude, etcétera.
A historia da lingua galega nos últimos cinco séculos é, basicamente, o relato dunha incomunicación. A incomunicación que se produciu entre o xuíz e a persoa xulgada, entre o mestre e o alumno, entre o médico e o paciente, entre o cura e o fregués, entre o secretario do concello e o administrado, entre o cliente e o dependente do comercio etcétera, por causa da exclusión do galego dos estrados, das consultas, das aulas, das igrexas e dos edificios administrativos ou dos comercios. A realidade actual, neste sentido, é, afortunadamente, ben distinta da que coñeceron os nosos avós. Despois de décadas de traballo, logrouse ir poñendo o galego no lugar que lle corresponde. Recuperou espazos nos que, dende a Idade Media e ata hai ben pouco, permanecera ignoto. Con todo, aínda non podemos considerar este traballo concluso.
Non se interprete a miña como unha actitude triunfante e acrítica. É a análise da realidade e a reflexión sobre o camiño andado e o que queda por andar o que guía as miñas palabras. Aínda que o peso da responsabilidade da súa execución recaia fundamentalmente nas Administracións públicas, este proceso non será posible se non existe unha sociedade, a recipiendaria das accións implementadas, que sinta que a lingua galega é algo que lle pertence e lle resulta útil para os usos formais e socialmente máis prestixiados. Por iso naceu no seu día o PXNLG e, por esta mesma razón, segue a estar vixente actualmente.
Por iso, tamén, quero unirme ao resto dos cidadáns do noso continente no Día Europeo das Linguas, unha efeméride xurdida para recoñecer e celebrar a riqueza e potencialidades da diversidade lingüística de Europa, á que, dende Galicia, contribuímos co galego.