De actrices e cartos

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

23 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Din por aí que as actrices andan revolucionadas desde que Patricia Arquette esixiu no púlpito dos Óscares a igualación de salarios, cuestionando un star system que vén funcionando coma nos corenta. Pode parecer frívolo andar con isto tratándose das cifras astronómicas de Hollywood, pero resulta que a porcentaxe de diferenza é insultante e aféctalles ás estrelas igual cás debutantes que matarían por facer un anuncio na televisión estatal. Aquí tamén pasa. As actrices galegas cobran menos, escríbenselles menos papeis, tamén sofren a ditadura da idade e, enriba, cargan coa estraña contradición machista de seren a un tempo reprobábeis (rémoras da moral franquista) e mulleres obxecto.

Pouco se lle imita isto a unha verdadeira revolución. Protestan en discursos e coméntano en entrevistas, pero o feminismo non callou verdadeiramente no cine, a tele ou a moda, e ao final os seus xestos non son máis ca simple maquillaxe. Pensen, se non, nesa campaña en Instagram na que moitas actrices decidiron fotografarse sen pinturas, acabadas de erguer. Desde Julia Roberts ata Paula Echevarría, aí as están de cara lavada. Pero eu, que cando non escribo me dedico a formar unhas 30 actrices mozas ao ano, pregúntome que acontece no peto dunha millonaria cando xa non é quen de renunciar a unha portada na que o Photoshop a converte nunha extraterrestre que promove un noxento sexismo. E entrementres, aí estamos as demais, as escritoras ás que se nos permite ser feas, tentando demostrar ás actrices que polo menos nós, niso, sufrimos aproximadamente o mesmo ca os nosos colegas varóns. Triste consolo.