Candidatura unitaria: miseria e ambición de país

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

23 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A aparente imposibilidade dunha candidatura unitaria galega ás Cortes aínda non foi explicada dende que o BNG decidiu non asistir á decisiva reunión de plataformas e partidos para a súa conformación. A dificultade de falar claro xa parece un andazo, pero coa información dispoñible algunhas conclusións poden tirarse. Todo indica que o motor do BNG -a histórica UPG- sempre tivo claros os límites e as posibilidades neste proceso. O límite era non dar azos a ningunha outra forza no seu propio campo e as posibilidades residían en facer todo o aproveitamento posible do caldo de cultivo unitario para reagrupar o máximo número de efectivos nunha candidatura arredor da súa organización. A dirección formal do BNG, que deu a entender posibilidades mesmo xenerosas para a confluencia e presentación de candidaturas, polo visto non se move un milímetro do que decide o seu atávico motor. Ocupouse, si, de argumentar a desculpa de patacón para xustificar a ruptura.

Esta semana é a última e decisiva para explorar aínda a posibilidade dunha candidatura unitaria da esquerda e o nacionalismo galegos. O asunto resulta difícil, de querer ir alén de reunificar ao nacionalismo nunha casa común, algo polo demais imposible, pois Anova leva tempo percorrendo con éxito outro camiño. Dous movementos cidadáns, IxU e a Marea, traballaron pola confluencia agrupando iniciativas e facendo moverse a partidos, grupos e grupiños, aos que mesmo sobardaron civicamente nun primeiro momento. A estratexia era ambiciosa, cifrábase, entre outras cousas, en lograr un grupo parlamentar nas novas Cortes e mudar as formas de elección de candidatos e rendición de contas. Todo chegou até un punto. De súpeto apareceron todos os problemas. Formalmente o asunto foi así: na coordinadora de IxU proponse, vótase e gaña a opción de non ir á reunión conxunta de partidos que este mesmo foro reclamaba e as mareas aceptaran por fin, co argumento de que só estaban convocados 8 partidos e se excluía a algúns grupos. A proposta parte dun membro da UPG e da executiva do BNG que forma parte desa coordinadora á que quince días antes se incorporaran xa dirixentes partidarios condicionando e limitando o seu inicial carácter cidadán e apartidario.

A frustración da metade de IxU, das bases do nacionalismo e de moitos cadros e cargos que acreditaban nas ambiciosas posibilidades colectivas dunha candidatura unitaria é tan grande que pode dar lugar aínda a moitos movementos. A candidatura de unidade reclamada permitiría un grupo propio no Congreso e o Senado sobre un programa común, sería segunda forza en Galicia e visibilizaría a posibilidade dun vindeiro cambio no Goberno galego. Un obxectivo tan ambicioso como posible. O que se nos ofrece son dúas candidaturas pelexando por dous deputados e disputando un espazo tan raquítico e inútil para a sociedade como útil para garantir pequenas seguridades a grupúsculos dirixentes, vingar pasadas ou recentes afrontas, alonxar a pantasma de gobernar ou garantir o financiamento de vellos estaribeles á espera da revolución. A historia destas trécolas ten corenta anos e sempre acaba igual: matando o que non se pode controlar. Pero desta volta, para moitos actores, todo isto é novo e, sen o peso da inercia, aplicarán aquel dito que di que a primeira vez é para aprender e a segunda para saber. Xa non os collerán noutra igual.