Vehículos verdes

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

23 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Bruxelas, chuvia, frío. Milleiros de vehículos a padecer embotellamentos. Nun edificio da Comisión Europea xúntanse científicos e tecnológos a trataren dun obxectivo claro no programa Horizonte 2020 (ao que seguen xa o H 2030 e o H 2050, pois a Terra -contaminada- non para de xirar). Discuten sobre os «vehículos verdes». No encontro final vense caras galegas: o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia está representado.

Hai unha palabra tabú, que ninguén pronuncia: Volkswagen; e unha negra sombra a pairar sobre os representantes das universidades, os centros tecnolóxicos e as empresas punteiras: a da nube de fume do gasóleo. Algo cheira a queimado en Bruxelas, corazón da Unión Europea. Anúncianse premios para motores de automóbil que «contaminen minimamente en condicións reais de funcionamento na estrada» (¡puf!, ¿tanto se minte?). Tarde piaron; aínda que tamén hai ilusión unitaria: sinálase a envexa de ianquis, xaponeses e chineses pola Iniciativa Europea do Vehículo Verde, que tomou unha decisión transcendente: en canto se avanza cara ao vehículo totalmente eléctrico (e as infraestruturas que demanda), destina 100 millóns de euros para crear o «vehículo híbrido perfecto»... Esperemos que Galicia participe con invencións nese eido: armar coches concibidos en Francia non o é todo.