Viviu sementando cariño e morreu rodeado de cariño. Cariño dos seus, os máis próximos, e cariño sobre todo dos lectores galegos e galegas de non menos de catro xeracións, moitos dos cales descubriron a nosa literatura ou se achegaron por primeira vez a ela a través das paxinas das Memorias dun neno labrego (1961), un libro de iniciación. Tamén un libro-embaixada, traducido a practicamente todas as linguas de certa proxección internacional, incluída a linguaxe braille, e algunhas outras de menor cartel, pero non menos intensas e extensas, coma o romanés, o búlgaro, o chinés, e unha adaptación teatral na lingua dos maias. Nunha ocasión botamos contas do número de unidades que se levan difundido desta obra, sumando as traducións, e contabilizamos arredor de 700.000. A primeira edición saíu do prelo do obradoiro gráfico de Alfonso Ruiz, en Buenos Aires, o 5 de xaneiro de 1961: 2.000 exemplares, cunha capa de Luís Seoane, que reproducimos sempre. A primeira edición en Galicia veu da man de Isaac Díaz Pardo en 1968.
Dou fe da anécdota que contei máis dunha vez. Nas feiras do libro, as ringleiras de xente que acudían con libros para que os asinase Neira Vilas era impresionante. En Buenos Aires, os alumnos e alumnas do Instituto Santiago Apóstol organizaron unha videoconferencia con intervención en directo do escritor dende Carballo, e non cabía unha agulla no salón, ateigado de rapaces, que ían visitalo cando viñan cada ano a Galicia en viaxe de fin de estudos. Na feira de Santiago, dúas señoras se lle achegaron con dous libros para que os asinase e cando lles preguntou para quen eran, polo aquel de poñer o nome do destinatario, elas contestaron: «Non o decidimos aínda. Veñen de camiño. Aínda non naceron». Como a Rosalía de Follas novas (1880), Neira Vilas tamén escribía para o futuro, aínda que neste caso o futuro seica o sentía máis próximo.
Sabía que había moito camiño por percorrer, e moitas cousas non lle gustaban. Pero endexamais oín da súa boca unha descualificación de ninguén. «Hai que mirar cara adiante», repetía. «O importante é mirar sempre cara adiante, e non desfalecer». Por iso tiña (e sentía) o agarimo da xente, a admiración, o respecto, o apoio afectuoso e solidario que mesmo aumentou cando o deixou Anisia Miranda, a súa compañeira de tantos anos, toda unha vida xuntos, dende aqueles días de primeira na Escola de Xornalismo de Buenos Aires, onde se fixeron esa fotografía estupenda na que aparecen os dous con cadansúa bicicleta: a de Anisia coa bandeira de Cuba; a de Neira coa bandeira galega, que era a bandeira das Mocidades Galeguistas, ás que se incorporou a pouco de chegar á capital arxentina en 1949. Dende entón nunca se abaixou, nin renunciou á causa que deu razón e sentido á súa vida: a Galicia que tanto amaba e que veu reencontrar na súa casa de Gres, a casa de Balbino, á beira do Ulla, onde Anisia e máis el, xa nos anos oitenta, botaron a andar a fundación que leva o seu nome, orgullo daquelas parroquias e orgullo de todos nós. Alí repousarán xuntos.