Se algún efecto benéfico tivo a crise que aínda nos ronda, é que amorteceu a primacía do individual. A adversidade trastocou a escala de valores e levounos a buscar no achegamento á comunidade un sentido ao que acontece. Para convivir necesitamos un relato, un discurso, un ganduxo ante a complexidade e o alude informacional.
Nesa liña da busca dun sentido móvense as políticas urbanas en materia cultural, impulsando vías de coordinación entre os xestores, os recintos e os contidos. No caso de Compostela, ten que haber un fío condutor entre o CGAC, o Auditorio e a orquestra, o monte do Gozo e o Camiño de Santiago... O nexo de Compostela baséase no binomio urbanismo e cultura, no principio de concertación entre administracións e na cooperación internacional a través do Camiño.
Celebramos os 20 anos da Real Filharmonía de Galicia, que comezou a súa andaina con Helmuth Rilling. Escoitamos por entón o mellor Bach, asistimos á primeira saída internacional ao festival de Pascua de Salzburgo e ao inicio das gravacións. Con Antoni Ros Marbà a formación consolidouse e presentouse en América. Con Paul Daniel está a dar un paso cara a novos programas, cunha forma de dirixir aberta e participativa.
Hoxe a RFG é unha magnífica orquestra, cun son compacto e brillante, cuns excelentes instrumentistas e pedagogos que, ademais, lideran propostas experimentais e innovadoras. Conta cos alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais para ampliar os seus recursos ata chegar ás portas do gran sinfonismo.
Pero as conmemoracións non deben supoñer só eloxios, senón servir tamén para marcar novos afáns. O horizonte da RFG está, sen dúbida, no próximo ano xubilar 2021, que vén ser unha data de referencia para Compostela e para toda Galicia.
A Real Filharmonía de Galicia é unha orquestra de titularidade da Xunta, con sede no Auditorio de Galicia -foron pensados un para a outra- e xestionada polo Consorcio de Santiago. O epíteto Real, acordado coa Coroa, denota o amparo do Real Padroado que presiden os monarcas, pero que leva anos sen reunir os seus membros. Isto deixa o Consorcio sen a posibilidade de formular proxectos e de axustar as contribucións das tres administracións.
Auditorio, RFG e EAEM forman un trinomio, no que o papel da xerencia da orquestra é fundamental. A praza está a concurso. O seu titular debería ser unha persoa experta e con capacidade emprendedora, que se implique na relación co Auditorio e coa Escola e a abra ao mundo de Internet e ás xiras internacionais. Corresponde ás Administracións outro empeño para reactivar os patrocinios e fomentar o coñecemento entre os visitantes da cidade, que poden actuar como promotores cara a fóra.
A relación entre as cidades está a cambiar, debido á entidade metropolitana que desdebuxa o local e á comunicación entre elas, que aproxima a cidadanía e os recintos culturais. En Galicia temos dúas orquestras de alta calidade, a OSG e a RFG. As únicas políticas que caben parten da cooperación, concertando programas e calendarios, intercambiando batutas, en beneficio do público de Galicia.
Quizais a revolución cultural máis eficaz nestes anos de democracia e autonomía sexa a musical. Creouse unha audiencia preparada e transversal, cun alto índice de fidelidade, e conseguiuse a mobilización xeral nos auditorios, conservatorios, academias, corais e bandas, ciclos temáticos, concertos didácticos. Algo especial ten a música, que é capaz de unir opinións e ideoloxías e facer vibrar colectivamente un público silente, como se estivera prendido pola alma.
Un último parágrafo para a memoria. Detrás dos proxectos culturais sempre hai persoas. Permítanme que cite algúns daqueles que, comigo, creron e crearon a RFG: Helmuth Rilling, Xosé Manuel Villanueva, José Denis, Maximino Zumalave, José Luis González Sobral, José Luis Río Barro, José Manuel García Iglesias. Grazas a todos.